O alivio da quinta vaga chega aos hospitais: os pacientes ingresados con coronavirus baixan dos 300

Varios clientes nunha terraza na Mariña (Foto Carlos Castro / Europa Press).
Porén, o descenso da Covid modera a súa caída na Galiza. Non ceden os contaxios nin a incidencia nas áreas de Lugo e Ourense.

Galiza rexistrou nas últimas horas 567 novos contaxios por Covid, unha trintena menos que os anotados hai unha semana e 165 máis que os notificados o último día. Ademais, soben en todas as áreas. Con todo, o resto de indicadores melloran; baixan as infeccións activas, hai 258 menos que a xornada anterior, e tamén a presión hospitalaria, con 23 pacientes menos ingresados por mor do coronavirus. Un dos alivios máis significativos desta quinta vaga.

Segundo os datos feitos públicos esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade, nas últimas 24 horas confirmáronse 567 contaxios novos, dos cales a área de Lugo sumou 137; a da Coruña, 117; a de Vigo, 115. Na de Santiago detectáronse 98 novas infeccións, 51 na de Ourens, 26 na de Ferrol e 23 na de Pontevedra.

Casos activos

En canto ás infeccións activas, baixan en todas as áreas menos na de Lugo e Santiago. Así, os distritos de Lugo, A Mariña e Monforte rexistran 50 casos máis e sitúase con 1.342. Os de Santiago e O Barbanza alcanzan os 1.223 casos activos após aumentar en 21.

Con todo, e a pesar dos descensos, a área da Coruña mantense á cabeza, con 2.793 (-137), seguida da de Vigo, con 2.180 (-102); Pontevedra, con 828 (-56), Ferrol, con 720 (-31) e Ourense, con 694 (-3).

Presión hospitalaria

Os datos publicados por Sanidade reflicten unha redución da presión hospitalaria, tanto en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) como en unidades de hospitalización convencional. Así, notificáronse 55 pacientes con Covid ingresados en coidados críticos, tres menos, e 222 pacientes en planta, 20 menos. En total, 277.

Por áreas, o maior número de pacientes graves atópase no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, con 18 casos en UCI (un menos). Os centros desta área contan ademais con nove pacientes menos en unidades convencionais, 68 en total. Na área de Vigo manteñen 10 pacientes en UCI, pero descenden os ingresados en planta, 11 menos, co que quedan con 49.

En Ferrol descende tamén a presión hospitalaria xa que, a pesar de contar con nove pacientes en críticos -sen cambios-, rexistra catro menos en planta -17 en total-. A área de Lugo mantén 26 hospitalizados en unidades convencionais -sen cambios-, pero conta cun menos en UCI.

En Ourense e Santiago, pola contra, sobe lixeiramente a carga asistencial. Na área ourensá baixan os ocupantes de camas en críticos, un menos, sete en total, pero soben os de camas convencionais, tres máis, até 30. Na área sanitaria de Santiago non varían os hospitalizados en UCI, cinco, pero contan cun ingresado máis en planta, 18 en total.

A área de Pontevedra, pola súa banda, non rexistra cambios respecto da xornada anterior e mantén catro pacientes en UCI e 14 en planta.

Incidencia 

Así as cousas, a incidencia acumulada na Galiza non rexistra grandes variacións. Conserva unha lixeira tendenza á baixa mais a estabilidade marca a súa evolución nestes días. Sitúase na contorna dos 148 casos a sete días e dos 316 a 14 días.

A evolución máis negativa rexístrase nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense, onde sobe a incidencia a unha e dúas semanas. A medio camiño, a de Santiago, que anota unha leve repunta a sete días, o indicador que facilita o seguimento epidemiolóxico a máis curto prazo.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.550 persoas con coronavirus. Os últimos decesos comunicados por Sanidade foron un home e tres mulleres, unha delas, de 93 anos, residía no centro de maiores García Irmáns de Betanzos.

Ademais, outra muller de 89 anos faleceu no CHUAC da Coruña e unha de 68 anos fíxoo no CHOP de Pontevedra. O home, de 85 anos, atopábase hospitalizado no Hospital Virxe dá Xunqueira de Cee .