Baixan os ingresos e os casos activos da Covid-19 e repuntan os novos contaxios

Varias persoas, en Ribadeo (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

As cifras da pandemia da Covid-19 na Galiza amosan unha baixada da presión hospitalaria, até o total de 184 ingresados, e dos casos activos da enfermidade, até os 2.933, por segundo día consecutivo. A respecto do número de novos contaxios, experimentouse unha leve repunta, con 159 en 24 horas.

De acordo cos datos actualizados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, os pacientes Covid ingresados descenderon en catro na última xornada, até contabilizar 146 en planta -dous menos- e 38 en unidades de coidados intensivos -tamén dous menos-.

Con todo, ao observar as cifras por áreas sanitarias, tan só en tres baixaron os hospitalizados con coronavirus. Nesta situación atópanse A Coruña-Cee, cun total de 50 ingresados (-6), dos que nove están na UCI (-1); Pontevedra-O Salnés, con 32 pacientes (-2), nove deles críticos (+1); e Ourense-Verín-O Barco, con 12 (-2), dos cales dous están en coidados intensivos (-1).

Onde non variou a cifra de ingresados nas últimas 24 horas foi na área de Santiago-Barbanza, que se mantén con 23: 19 en planta (-1) e catro na UCI (+1).

Pola contra, a presión hospitala aumentou noutras tres áreas sanitarias. En Vigo ascenderon a 51 os ingresados (+1), a pesar da caída na UCI até os 11 (-2); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 11 (+3), aínda que en críticos mantéñense en dous; e en Ferrol, até cinco (+2), pero tampouco hai variacións en coidados intensivos, que só hai un.

En canto aos casos activos da enfermidade, descenderon por segundo día consecutivo. De acordo cos datos da sexta feira, os pacientes sitúanse en 2.933, tras un descenso de 21 -grazas a que as altas superaron os novos diagnósticos-.

De feito, descenderon en cinco das sete áreas sanitarias. Na Coruña-Cee, baixaron até os 652 pacientes (-18); en Pontevedra-O Salnés, a 470 (-4); en Ourense-Verín-O Barco, a 222 (-3); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 196 (-8); e en Ferrol, a 94 (-5).

Mentres tanto, na área de Vigo os casos activos se manteñen estábeis nos 859, pero si que ascenderon na área de Santiago-Barbanza, até colocarse nos 440 -17 máis-.

Aumentan os contaxios

Así mesmo, na Galiza detectáronse 159 casos de coronavirus con calquera tipo de proba nas últimas 24 horas -133 confirmados cunha PCR-. Isto implica un lixeiro repunte de 14 con respecto aos notificados o día previo, pero seguen en cifras similares do inicio da semana.

Do total das novas infeccións detectadas, as principais áreas sanitarias afectadas son a de Vigo, con 57, seguida da de Santiago-Barbanza, con 35, e da Coruña-Cee, con 21.

A área de Pontevedra-O Salnés sumou 15 novos contaxios, tras a cal sitúase Lugo-A Mariña-Monforte, con 14; Ourense-Verín-O Barco, con 12; e Ferrol, que fecha a táboa con só cinco.

Desde o inicio da pandemia, Galiza realizou 2.155.134 PCR, o que supón 6.275 probas máis que as contabilizadas até a xornada pasada e ao redor dun 600 menos que as realizadas o día anterior. Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- repuntou lixeiramente até un 2,9%, despois do 2,3% da quinta feira, pero segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Galiza acumula desde o inicio da pandemia 2.399 persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19, tras notificar na quinta feira a Consellería de Sanidade dous novos óbitos.