Baixan os hospitalizados con Covid e soben a 117 os novos contaxios

Dispositivo de cribado masivo para detectar positivos por coronavirus en Expourense, en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Os casos activos sitúanse por baixo dos 5.000 e a taxa de positividade mantense á baixa, nun 1,2%.

A presión hospitalaria volveuse a reducir tras a lixeira repunta da xornada anterior ao descender en 48 os pacientes con Covid-19 ingresados en unidades convencionais na Galiza, mentres que os que se atopan en UCI mantéñense en 105. Pola súa banda, os novos contaxios diarios subiron lixeiramente a 117, despois de caer a 103 o día anterior.

Así se constata nos datos actualizados pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, nos que se indica que hai 105 persoas con Covid en UCI -sen cambios- e 383 noutras unidades, o que supón 48 menos que as 431 rexistradas até o día anterior.

En concreto, os ingresados con coronavirus redúcense no sete áreas sanitarias galegas, especialmente na de Ferrol, onde caen a sete as persoas en UCI -un menos- e a 47 as que se atopan noutras unidades -16 menos-; mentres que na de Santiago e Barbanza mantéñense en 18 as persoas en críticos e baixan a 38 as doutras unidades -12 menos-.

En canto á área de Lugo, os pacientes Covid en UCI mantéñense en 14, pero caen a 22 os doutras unidades -sete menos-; na de Pontevedra e O Salnés baixan a 11 o críticos -un menos- e a 44 os doutras unidades -catro menos-.

Polo seu lado, na área sanitaria de Vigo os ingresados Covid en UCI descenden a 15 -un menos- e os que se atopan noutras unidades caen a 60 -tres menos-; na da Coruña e Cee os críticos soben a 37 -tres máis-, pero os doutras unidades baixan a 137 -cinco menos-; mentres que a de Ourense segue con tres en UCI e conta con 35 noutras unidades -un menos-.

A tendencia descendente persiste tras varias semanas no relativo aos casos activos, que se sitúan por baixo dos 5.000 ao caer até os 4.953, o que supón 254 menos que a xornada anterior, situación que non se producía desde mediados de outubro do pasado ano.

En canto aos novos contaxios diarios detectados por diferentes tipos de probas, aumentaron lixeiramente a 117, tras caer a 103 a xornada anterior -que supuxeron a metade que os do domingo-, dos cales 70 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -31 menos que o día pasado-.

Desde o inicio da pandemia faleceron diagnosticados con Covid-19 un total de 2.252 persoas, despois de notificar na noite deste luns Sanidade 14 novas vítimas.