Baixan en dez os pacientes con Covid hospitalizados: 29 continúan na UCI

Un traballador protexido nunha das fiestras da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Carlos Castro / Europa Press)

O número de casos en usuarios de residencias mantense en 223 despois do falecemento de tres anciáns nas últimas 24 horas.

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados na Galiza descenderon nun total de dez en 24 horas, até os 232. Destes, hai 29 en unidades de coidados intensivos (UCI), o que supón que baixaron en tres nun día.

Segundo os datos actualizados a este sábado e facilitados polas sete áreas sanitarias galegas, na da Coruña e Cee hai 60 persoas con coronavirus hospitalizadas, nove menos que na sexta feira. Destes, hai 47 en planta e cinco na UCI no Chuac; un en UCI e outro en planta no Hospital Modelo; dous no Quirón Saúde e cinco no Hospital de Cee.

Na área de Vigo, mantéñense en 17 os pacientes con Covid hospitalizados ─dous en Fátima, tres en Povisa e 12 no Hospital Álvaro Cunqueiro─, dos que seis están en UCI ─dous en Povisa e catro no Álvaro Cunqueiro─.

Pola súa banda, a área sanitaria de Ourense contabiliza 41 persoas ingresadas ─unha menos que hai 24 horas─, cinco destas na UCI do CHUO, mentres hai outras nove ─dous menos─ en planta no Hospital de Verín.

Na área de Santiago e Barbanza, as persoas con coronavirus hospitalizadas descenderon en tres, até os 27 deste sábado. Todas elas, das que tres ─unha máis─ están en UCI, están no Hospital Clínico da capital nacional.

Mentres tanto, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, o total de hospitalizados baixou en un, até os 54. Destes, hai tres na UCI do HULA e outros 51 en hospitalización convencional: 33 no HULA, dous no Hospital da Mariña, tres no Hospital de Monforte e 13 no Polusa.

En Pontevedra e no Salnés, os pacientes da Covid-19 ingresados son 24 este sábado, dous máis que na sexta feira. En concreto, hai 22 no CHOP ─dous en UCI─ e outros dous no Quirón Saúde Miguel Domínguez.

Para rematar, en Ferrol aínda hai oito pacientes con coronavirus hospitalizados. No entanto, este sábado tan só queda un enfermo na UCI do CHUF, mentres que na sexta feira había dous.

Usuarios de residencias

Ademais, o número de casos da Covid nas residencias de maiores descendeu a 223, despois do falecemento de tres anciáns nas últimas 24 horas e de non se rexistraren novos positivos. Pola súa banda, os traballadores infectados subiron en un, até os 89.

Segundo os datos trasladados este sábado polas consellarías de Sanidade e de Política Social, como principal foco de infectados entre os internos está a DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, cun total de 136 casos, dous menos que unha xornada antes pola morte dun home e unha muller no Hospital Polusa e no HULA, respectivamente.

Tras esta, colócase o centro de O Incio, con 58 casos entre os usuarios; e a residencia Orpea Coruña, en Culleredo, despois do falecemento dun dos seus internos no Chuac.

Tamén contan con anciáns contaxiados 19 a DomusVi Lalín (2) e os centros de Arteixo (1) e Castro Ribeiras do Lea, en Castro de Rei (1).

Traballadores de residencias

Con respecto aos traballadores dos centros xeriátricos, ascenden a 89 casos logo de retirarse do cómputo un empregado da residencia DomusVi de Outeiro de Rei ao que se lle terminou o contrato e de se detectaren dous novos: un na residencia Santa Marta, en Vigo; e outro na nosa Señora da Saúde, na Peroxa (Ourense).

Así, o persoal con máis casos é a do Incio, con 35 traballadores contaxiados; seguida por DomusVi de Outeiro de Rei, con 22 casos. En DomusVi Lalín hai 3 casos; e en Ballesol Oleiros, Volta do Castro, San Simón, Vitoria de Teo, Nosa Señora do Socorro de Arnoia, Doral Residencias de Mos, e CRAPD I de Vigo, hai dous casos en cada unha.

A eles súmase un caso nos persoais de cada un destes centros: Orpea Culleredo, Residencia de Oleiros, DomusVi Noia, Porta do Camiño, A Milagrosa (Lugo), San Bartolomeu de Xove, La Saleta de Cea, DomusVi Barra de Miño, Residencia Santiago Apóstol de Vilamarín, Fogar Residencial Vilar de Barrio, residencia de Campolongo, CRAPD II de Vigo, Alvi-Beade de Vigo, Nuestra Señora de la Salud da Peroxa e a residencia Santa Marta de Vigo

Centros de discapacidade

En canto aos centros de discapacidade, xa son dous os que contan con usuarios infectados, ao detectarse un positivo na Residencia de Adultos Pai Menni de Betanzos (A Coruña). Ademais desta, a residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros (A Coruña), continúa con 37 casos.

Tamén hai 14 traballadores de diferentes centros con Covid, os mesmos que hai un día: 10 no centro de Aspronaga en Oleiros, un na residencia A Braña da Estrada, un no centro Juan Vidán Torres de Santiago, outro na residencia para persoas con dano cerebral de Castro de Rei, e outro no CAPD de Chapela-Redondela.