Baixan os contaxios e casos activos e soben os pacientes Covid ingresados

A incidencia acumulada a 14 días na Galiza continúa moi por baixo (69 casos por 100.000 habitantes) da media no Estado.

Os casos activos de Covid-19 e os novos contaxios descenderon lixeiramente a 2.307 e 107, respectivamente, tras o repunte da xornada anterior, mentres que os pacientes con este coronavirus hospitalizados aumentaron de 206 a 207.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta segunda, Galiza conta con 26 pacientes Covid en UCI, o que supón un menos que a xornada anterior, e 181 noutras unidades, dous máis.

En concreto, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente en catro das sete áreas sanitarias -Vigo, Ourense, Santiago-Barbanza e Lugo-, mentres que baixa nas outras tres --A Coruña-Cee, Ferrol e Pontevedra-O Salnés-.

Após a lixeira repunta de casos activos e novos rexistrado esta pasada segunda feira, dous días antes dos festivos de Semana Santa volven descender ambos os dous indicadores.

Por tanto, os casos activos redúcense en 20 até os 2.307. En concreto, baixan nas áreas da Coruña e Cee (-31), Ferrol (-9) e Lugo (-7), mentres que aumentan nas de Vigo (+15), Santiago e Barbanza (+7), Ourense (+4) e Pontevedra e O Salnés (+1).

En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, despois da repunta da segunda a 133, hoxe baixan lixeiramente a 107.

En canto á taxa de positividade descendeu a un 1,4% após subir a un 2,4% a xornada anterior, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.

Galiza rexistra desde o inicio da pandemia 2.336 falecidos diagnosticados de Covid-19, tras notificar Sanidade na tarde desta segunda feira o falecemento doutras dúas persoas máis.