Covid-19: Baixan contaxios, casos activos e hospitalizados

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)

A taxa de positividade mantense por baixo do 2%.

A situación epidemiolóxica na Galiza segue coa tendencia descendente en novos contaxios, con 89 no conxunto do país, así como en casos activos de Covid-19, que caen a 2.553, mentres que os pacientes hospitalizados debido a este coronavirus redúcense a 140, catro menos.

Segundo as cifras actualizadas na mañá esta terza feira pola Consellaría de Sanidade con datos até as 18 horas desta segunda feira, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid ingresados en UCI descenden a 31 -un menos- e os que permanecen noutras unidades de hospitalización redúcense a 109 -tres menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas da Coruña e Cee, Vigo e Pontevedra e O Salnés; aumenta lixeiramente nas de Ourense e Santiago e Barbanza; e mantense nas de Ferrol e Lugo.

En canto aos casos activos de Covid-19 no conxunto da Galiza continúan en descenso por terceira xornada consecutiva e sitúanse en 2.553, que supoñen 71 menos que o día anterior, ao haber máis altas (160) que novos contaxios (89).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden en catro das sete áreas: A Coruña e Cee (-33), Vigo (-29), Pontevedra e O Salnés (-8) e Ourense (-6); mantéñense na de Ferrol; e ascenden lixeiramente nas de Lugo (+1) e Santiago e Barbanza (+4).

Pola súa banda, os novos contaxios detectados por calquera tipo de proba descenderon por baixo do centenar até os 89, que supoñen 34 menos que a xornada anterior, despois de iniciar esta semana con 123.

Do total, 75 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 21 na área de Santiago e Barbanza; 14 na de Vigo; 13 na de Lugo; 10 na de Pontevedra e O Salnés; nove na da Coruña e Cee; cinco na de Ourense; e tres na de Ferrol.

En canto á taxa de positividade, mantense por baixo do 2% desde o inicio desta semana, ao situarse nun 1,39%. Así, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

As vítimas rexistradas desde o inicio da pandemia ascenden a 2.412 persoas diagnosticadas de Covid-19, após notificar esta segunda feira Sanidade a morte dunha muller de 92 anos.