Baixan os contaxios rexistrados e alíviase a presión hospitalaria, con 19 pacientes menos na UCI

Un home protexido por máscara e pantalla (Carlos Castro/ Europa Press)

Os contaxios diarios diminúen a 358 e a taxa de positividade decrece até o 5,9%

O número de hospitalizados con coronavirus descendeu en 65 no último día até situarse por baixo do milleiro -cifra que se superou o día anterior-. Mentres, diagnosticáronse 358 contaxios e os casos activos experimentaron unha nova baixada até sumar 12.464 -588 menos- tras reducirse en todas as áreas sanitarias.

Segundo datos actualizados hoxe pola Consellería de Sanidade, hai 746 ingresados en planta -46 menos- e 205 en UCI -19 menos-, o que eleva a 951 o número de persoas hospitalizadas con COVID-19 na Galiza.

Os pacientes ingresados descenden na maior parte das áreas sanitarias, aínda que se observa unha lixeira repunta nos hospitalizados en planta en Pontevedra e O Salnés, así como na UCI de Ourense, Verín e O Barco.

Nos hospitais da Coruña e Cee súmanse 201 persoas en planta -sete menos- e 69 nas unidades de críticos -seis menos-, mentres que en Ferrol contabilízanse 108 en unidades convencionais -sete menos- e 23 en UCI -dúas menos-.

Na área sanitaria de Santiago e O Barbanza tamén se rexistra unha tendencia descendente ao caer os ingresados en unidades de críticos a 30 -seis menos- e os que se atopan en planta a 101 -catro menos-. Así mesmo, os centros hospitalarios da área de Vigo contabilizan 109 ingresados en planta -oito menos- e 24 en UCI -un menos-.

Os centros hospitalarios da área de Ourense, Verín e O Barco tamén presentan un retroceso no número de ingresados en planta, que pasa a 91 -12 menos-, aínda que sobe nun até os 16 o correspondente aos que se atopan en coidados intensivos.

En cambio, en Pontevedra e O Salnés rexístrase unha repunta nos hospitalizados en unidades convencionais, que aumentan en tres até sumar 86, pero os que se atopan en UCI decrecen en cinco até situarse en 17. Ademais, na zona de Lugo, A Mariña e Monforte os hospitalizados en unidades de críticos mantéñense sen cambios en 26, mentres os que se atopan en planta diminúen en 11 até situarse en 50.

Galiza suma 12.464 casos activos de coronavirus, o que supón unha caída de 588 e que se manteña a tendencia descendente rexistrada durante a última semana.

Os pacientes coa infección activa reducíronse en todas as áreas sanitarias. En concreto, a da Coruña e Cee conta con 3.844; Vigo, con 1.935; a de Pontevedra e O Salnés, con 1.634; a de Santiago e Barbanza, con 1.610; a de Ferrol, con 1.203; a de Lugo, con 1.129, e a de Ourense, con 1.109.

Así mesmo, os novos contaxios diarios reducíronse a 358 -12 menos- dos que 310 diagnosticáronse por PCR. Destes últimos, 85 detectáronse na área da Coruña e Cee; 75 na de Vigo; 39 na de Santiago e Barbanza; 36 na de Pontevedra e O Salnés; 34 na de Lugo; 26 na de Ferrol e 15 na de Ourense.

En canto á taxa de positividade, esta reduciuse lixeiramente até o 5,9%, aínda que permanece por encima do 5%, a porcentaxe que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Galiza rexistrou até a data 2.124 persoas falecidas con coronavirus tras notificarse outros 28 óbitos correspondentes a varios días este luns.