Baixan os casos activos pola COVID-19 na Galiza até 2.703

Interior dun hospital (Sergas)

O Sergas informa que este domingo 10 de maio hai 55 casos menos que este sábado e que se produciron 122 altas.

O número de casos activos de coronavirus baixa na Galiza até os 2.703 casos este domingo 10 de maio, polo tanto son 55 menos que o sábado, xa que as 122 altas contabilizadas superaron o número dos  contaxios detectados nesta última xornada.

Desta maneira, xa son 2.347 as persoas que superaron a enfermidade, mentres que 592 perderon a vida desde o inicio da pandemia na Galiza. Delas, 269 eran maiores que vivían en residencias.

Segundo a última actualización do Sergas deste domingo, cos datos correspondentes ao sábado, a área sanitaria que preserva o maior número de casos activos segue sendo a de Vigo, con 725 pacientes (-29).

Por detrás atópanse a área da Coruña, con 635 casos (-15); a de Compostela con 525 (+25); a de Ourense con 407 (-19); a de Lugo con 161 (-5); a de Pontevedra con 142 (-5) e a de Ferrol, con 108 (-7).

Maior atención no domicilio

En relación á atención sanitaria que están a recibir os pacientes que sofren a COVID-19, 25 deles atópanse en Unidades de Coidados Intensivos (UCI), un máis que o día 9 de maio. A gran maioría están a ser atendidos no seu domicilio, un total de 2.498, e 180 atópanse ingresados en unidades convencionais de hospitalización.