Baixan os casos activos nos centros educativos menos en Compostela

O colexio público CEIP Paradai, en Lugo (Carlos Castro/ Arquivo-Europa Press).

O total de estudantes contaxiados na Galiza reduciuse en 22 polo que agora son 501. A Área de Compostela incrementouse en tres casos. O centro máis afectado da Galiza é o IES de Mos con 33 infeccións activas e catro aulas fechadas.

Os casos activos de covid-19 en centros educativos galegos redúcense en 22 até 501, mentres as aulas inoperativas seguen en 21 e unha escola infantil permanece fechada en San Sadurniño, segundo os datos actualizados este sábado polas consellarías de Educación e Sanidade.

Se falamos de áreas sanitarias, os casos activos en centros educativos descenden nas da Coruña (-11), Vigo (-5), Pontevedra (-5), Ourense (-3) e Lugo (-1), mais mantéñense igual en Ferrol e increméntanse en Compostela (+3).

A área de Vigo mantense como a que rexistra máis casos, aínda que estes redúcense a 180 (-5), e seguen en 14 as aulas que non están operativas. A nivel de centros, o IES de Mos é o máis afectado na Galiza con 33 infeccións activas e catro aulas fechadas. Mentres, no IES Rosais 2 de Vigo os casos baixan até os 10 (-1).

Séguelle a área da Coruña, con 88 casos activos (-11) e tres aulas que permanecen fechadas. Na zona, destaca o CPR Plurilingüe Fillas de Xesús con 15 casos activos (-5).

En terceiro lugar estaría a área de Santiago con 65 positivos (+3) e tres aulas non operativas. O centro máis afectado é o CPR Plurilingüe María Assumpta de Noia, que segue con catro contaxiados.

A área de Lugo presenta cifras similares, xa que rexistra 62 casos activos (-1), mais mantense sen aulas fechadas desde hai catro días. O CEIP de Celeiro segue como o centro con máis casos, oito. Após ela sitúase a área de Pontevedra con 60 contaxiados (-5) e unha aula fechada no CEIP Arealonga de Vilagarcía de Arousa, que rexistra cinco positivos.

Ourense e Ferrol son as menos afectadas

As áreas menos afectadas son as de Ourense e Ferrol que se manteñen como as que presentan menos infeccións activas. Así, a primeira conta con 31 casos (-3) dos que catro corresponden ao CPR Plurilingüe San Xosé da cidade das Burgas e segue sen clases inoperativas.

Mentres, a área de Ferrol contabiliza 15 positivos distribuídos en 10 centros e permanece sen aulas fechadas, aínda que coa escola infantil de San Sadurniño clausurada.