Baixan os casos activos após 11 xornadas de suba

Campaña de vacinación da Covid-19

Caen a 198 os pacientes Covid ingresados e os novos contaxios descenden a 131.

Os casos activos de Covid-19 descenderon lixeiramente na Galiza tras once días de incremento paulatino e sitúanse en 2.763, así como os pacientes hospitalizados, que se reduciron a 198, mentres que os novos contaxios detectados tamén caeron até os 131.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira  pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, subiron a 37 os pacientes Covid ingresados en UCI, o que supón catro máis, mentres que se reduciron a 161 os hospitalizados noutras unidades, cinco menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en catro do sete -A Coruña e Cee, Santiago e Barbanza, Lugo e Ferrol-, mentres que baixa en dúas -Vigo e Pontevedra-O Salnés- e mantense na de Ourense.

En canto aos casos activos, após once xornadas consecutivas de aumento dos mesmos, reducíronse lixeiramente a 2.763, o que implica catro menos, ao haber nesta ocasión máis altas (134) que contaxios (131).

Deste modo, por áreas sanitarias as infeccións activas baixan en catro das  sete: Santiago e Barbanza (-15), Pontevedra e O Salnés (-8), Lugo (-2) e Ferrol (-2); mentres que soben nas da Coruña e Cee (+12), Vigo (+2) e Ourense (+9). Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba descenderon a 131, despois de iniciar esta semana con 154.

En canto á taxa de positividade mantense por baixo do 2%, nun 1,6%, tras caer a un 1,2% ao comezo desta semana, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas de Covid-19 ascenderon a 2.375, despois de notificar Sanidade esta segunda feira a morte doutras dúas vítimas máis.