Baixan a 36 os concellos en nivel de alerta vermella. Consulta aquí cales son

Actualización do mapa 'semáforo' da Consellaría de Sanidade.
Mudanzas no mapa de alertas pola incidencia da Covid-19. Baixan a 36 os municipios en nivel vermello a respecto dos datos da quinta feira.

A listaxe de municipios en alerta vermella pola pandemia do coronavirus baixou a 36. Saíron dela A Coruña, Monforte de Lemos, O Grove e Soutomaior, á que con todo volveu Cambados por empeorar os seus datos de incidencia da última semana.

Segundo reflicte esta sexta feira o mapa 'semáforo' que actualiza diariamente a Consellaría de Sanidade, atópanse en máximo risco Cambados, A Estrada, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín, Redondela, Vigo, Nigrán, Mos, Ponteareas, O Porriño, Tui, A Guarda, Ferrol, Narón, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Coristanco, Carballo, Malpica, Ribeira, Ponteceso, Cabana, Vimianzo e Teo.

Tamén continúan en alerta vermella Lugo, Chantada, Vilalba, Xinzo e Ribadavia.

A alerta máxima de risco de todas estas localidades implica que se detectaron máis de 21 casos de coronavirus nos últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol -máis de 76 casos nunha semana--, Pontevedra -máis de 96-, Lugo -máis de 112- e Vigo -máis de 332-.

En alerta laranxa, é dicir, en situación 2 pola incidencia na última semana, están 26 municipios. Ourense, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Cervo, Monforte, Sarria, Pontedeume, Porto do Son, Boiro, A Coruña, Fene, Sada, Laxe, Camariñas, Santa Comba, Cee, Ordes, Santiago e Ames.

Tamén se atopan en nivel laranxa Cangas, Moaña, Caldas de Reis, O Grove, Soutomaior, Salceda de Caselas e Tomiño.

Estes cambios no mapa 'semáforo' de Sanidade coinciden cunha nova suba de contaxios na Galiza, que rexistrou 625 novos casos nas últimas 24 horas.