Con 27 persoas menos hospitalizadas, non se relaxa a presión nas unidades de coidados intensivos

Un sanitario con protección fronte á Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Descenden lixeiramente os casos activos e a taxa de positividade volve a niveis inferiores a 5%, agás en Vigo e Pontevedra. 

A Galiza mantense arredor dos niveis de casos de Covid-19 diarios detectados nas últimas xornadas, co número de positivos oscilando entre os 300 e os 400.

Con todo, la presión hospitalaria rebáixase lixeiramente este sábado, logo de se produciren unha serie de altas que deixan o total de hospitalizados en 337 (27 menos). Porén, o alivio non afecta as unidades de coidados intensivos, que contan cun paciente máis.

Así o mostra a actualización de datos publicados a primeira hora deste sábado pola Consellaría de Sanidade, con cifras recollidas até as 18 horas da sexta feira. Así, diagnosticáronse por PCR un total de 339 persoas, o que supón unha baixada de 28 a respecto do día anterior.

Os casos activos baixan levemente até os 5.633 nunha xornada na que se practicaron máis de 7.742 PCR, 1.356 máis que na xornada anterior, que rexistrara unha baixada importante. Delas, 4,5% foron positivas (por baixo de 5% que marca a OMS para dar por controlada la pandemia).

Por áreas sanitarias, só Vigo, con 5,7%, e Pontevedra, con 9%, estiveron por riba do limiar. A Coruña (3,9%), Ferrol (3,5%), Lugo (4,3%), Ourense (2,2%) e Santiago (3,4%) mantéñense máis controladas.

Ingresados

En total, hai persoas 337 ingresadas con Covid-19 nos hospitais da Galiza, das que 281 están en planta (28 menos) e 56 en críticos (un máis). As subidas de volume de pacientes hospitalizados nas áreas de Santiago e Ferrol compénsanse coas altas rexistradas nos cinco restantes distritos sanitarios.

En Santiago-Barbanza hai 72 persoas ingresadas (4 máis), das que 6 están en UCI (sen cambios); mentres na Coruña-Cee baixan a 72 (seis menos) o global de hospitalizados e a cifra de críticos mantense en 14.

En Vigo descenden a 57 os ingresados (9 menos), con 12 en UCI (un menos). Pontevedra-Salnés rexistra un importante número de altas que fan baixar a 45 os ingresados (10 menos), con oito en críticos (un menos).

Na área de Ourense-Verín-O Barco redúcense en tres os hospitalizados até os 35, con 3 na UCI (un máis); mentres en Lugo-Mariña-Monforte baixan a 19 (catro menos) con case a metade (7, un máis), en críticos. Por último, en Ferrol hai 37 persoas hospitalizadas, dúas máis ca onte, con 6 na UCI (unha máis).

Santiago e Vigo, as máis afectadas

Vigo e Santiago-Barbanza seguen como as áreas que máis infeccións reportan, se ben os niveis de positivos volven descender e equipáranse aos de Pontevedra-Salnés ou A Coruña-Cee, onde medraron en relación á xornada anterior.

En Lugo-Mariña-Monforte suben tamén os positivos, que retroceden en Ourense-Verín-O Barco e Ferrol.

Falecementos

Unha xornada máis, as vítimas mortais da pandemia na Galiza continúan en aumento e ascenden a 1.336, após o pasamento de catro persoas nas últimas horas. Delas, dúas estaban vinculadas a residencias.

Sanidade recolle que desde o principio da pandemia se diagnosticaron con Covid-19 58.730 persoas, das que 51.746 se curaron, 373 nas últimas 24 horas.