Baixan a 225 as persoas contaxiadas nas residencias galegas

Persoal dunha residencia en Lugo (Foto: EP).
Segundo os datos proporcionados polas consellerías de Sanidade e de Política Social, a cifra de persoas usuarias afectadas pasa das 249 do parte do domingo a 225. 

Os usuarios e usuarias de residencias de maiores galegas contaxiados por COVID-19 diminuíron este luns até os 225, tras a curación de 22 internos de Orpea Coruña, en Culleredo.

Con iso, segundo os datos proporcionados polas consellerías de Sanidade e de Política Social, a cifra de persoas usuarias afectadas pasa das 249 do parte do domingo a 225. Ademais de retirar do cómputo 22 maiores que xa deron negativo nas probas PCR, na última xornada rexistráronse dous falecementos vinculados a residencias, un usuario da DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, e outra da Orpea Coruña.

Pola súa banda, a última actualización de afectados tamén resta un positivo entre os traballadores e traballadoras de residencias de anciáns, o dun empregado da Orpea Coruña, que pasa a non ter ningún traballador ou traballadora afectado.

En conxunto, os centros residenciais con máis maiores contaxiados continúan sendo a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 133, a residencia do Incio, con 58, e o fogar residencial El Pinar, de Culleredo, con 21, o tres intervidas pola Xunta de Galicia.

Tamén teñen persoas contaxiadas a residencia Ballesol de Oleiros (6), a DomusVi Lalín (2) e as das Salinas de Ourense, Castro Ribeiras de Lea e Arteixo, cun usuario afectado cada unha. A residencia Orpea A Coruña, que até este domingo era a terceira en número de casos na Galiza, mantén só dous casos activos entre os seus maiores.

Persoal das residencias

Con respecto aos traballadores e traballadoras dos centros xeriátricos, baixan até 97 -un menos- os casos de coronavirus activos, tras a negativización do único empregado afectado na residencia Orpea Coruña.

Así, o cadro con máis casos segue sendo a do Incio, con 35 traballadores e traballadoras contaxiados; seguida por DomusVi de Outeiro, con 24 casos; e El Pinar de Culleredo, con sete. En DomusVi Lalín hai tres casos; e en Ballesol Oleiros, Volta do Castro, San Simón, Victoria de Teo, Nosa Señora do Socorro de Arnoia, Doral Residencias de Mos, e CRAPD I de Vigo, hai dous casos en cada unha.

A eles súmase un caso nos cadros de cada un destes centros: Residencia de Oleiros, DomusVi Noia, Porta do Camiño, A Milagrosa (Lugo), San Bartolomeu de Xove, A Saleta de Cea, DomusVi Barra de Miño, Residencia Santiago Apóstolo de Vilamarín, Fogar Residencial Vilar de Barrio, residencia de Campolongo, CRAPD II de Vigo, Alvi-Beade de Vigo, A nosa Señora da Saúde da Peroxa e a residencia Santa Marta de Vigo.

Centros de discapacidade

En canto aos centros de discapacidade, mantéñense en 37 os contaxios entre os seus usuarios: un na Residencia de Adultos Pai Menni de Betanzos (A Coruña) e 37 na residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros (A Coruña).

Tamén hai 15 traballadores con Covid en diferentes centros. A maiores, hai un empregado con coronavirus no centro Juan Vidán Torres de Santiago, outro na residencia para persoas con dano cerebral de Castro de Rei e outro no CAPD de Chapela-Redondela.