A baixada en hospitalizacións e casos activos dá un respiro tras as semanas máis duras da pandemia

Persoal sanitario atende a un residente do centro de San Cibrao nunha ambulancia. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A taxa de positividade sitúase por baixo do 4%.

Os pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais da Galiza descenderon en 39, seis deles menos en UCI e 33 menos noutras unidades de hospitalización. Ademais de aliviarse a presión hospitalaria, baixan os casos activos en 794 até os 18.452 e os contaxios diarios mantéñense no medio milleiro -582, deles 489 confirmados por PCR nas últimas 24 horas-.

Así figura nos datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas de onte, nos que se reflicte que os pacientes con coronavirus en UCI baixan a 248 -seis menos que a xornada anterior- e os hospitalizados noutras unidades descenden a 1.030 -o que supón 33 menos-.

Por áreas sanitarias, o maior descenso de hospitalizados corresponde á de Santiago e Barbanza, onde baixan a 45 os pacientes en UCI -dous menos- e a 123 os que permanecen con Covid noutras unidades -dez menos-; mentres que na da Coruña e Cee, aínda que soben nun os ingresados en críticos até os 86, descenden a 276 os que están noutras unidades -11 menos-.

Tamén o distrito sanitario de Ourense presenta unha redución de dez pacientes en unidades de hospitalización convencionais (151), mentres que os ingresados con Covid en UCI mantéñense sen cambios en 20; na de Vigo seguen en 29 os críticos e descenden a 139 os doutras unidades -seis menos-; mentres que na de Pontevedra e O Salnés caen nun os de UCI -e colócanse en 20- e redúcense nun até os 110 os doutras unidades.

Pola súa banda, a área de Lugo é a que presenta un maior descenso de pacientes en UCI, con catro menos, e colócase con 26 pacientes; pero ten un incremento de catro nos hospitalizados con Covid noutras unidades (72). E na de Ferrol, as persoas con coronavirus en críticos baixan nunha até as 22, pero soben a 159 os doutras unidades -unha máis-.

Casos e contaxios

Os casos activos de Covid na Galiza descenderon até os 18.452, o que supón 794 menos. O maior descenso correspondeu á área de Santiago e Barbanza, con 208 menos -ten 2.724-; seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 178 menos -2.305-; a de Vigo, con 134 menos - 3.012-; a de Ourense, con 105 menos -conta con 1.991-; a de Ferrol, con 65 menos -1.596-; a da Coruña e Cee, onde baixan en 58 até os 5.103; e a de Lugo, onde caen en 46 até os 1.721.

Pola súa banda, os contaxios diarios detectados con diferentes tipos de probas mantéñense no medio milleiro como a xornada pasada, ao sumar 582, dos que, 489 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Deses 489 positivos, 172 foron na área da Coruña; 81 na de Vigo; 78 na de Pontevedra; 45 na de Santiago; 41 na de Lugo; 38 na de Ferrol e 34 na de Ourense.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- caeu a un 3,6%, despois de baixar a un 4% na xornada anterior e situarse por primeira vez desde o 24 de decembro Galicia por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As vítimas mortais con Covid durante a pandemia en Galicia aumentaron a 1.988 após notificar nas últimas horas Sanidade o falecemento de 21 persoas.