Saúde

Baixa visión, a especialidade que ofrece solucións fronte á discapacidade visual cando "non hai máis que facer"

A especialidade de Baixa Visión traballa na rehabilitación dos pacientes para recuperar autonomía persoal. (Foto: Nós Diario)
Cando a perda de visión que non alcanza a cegueira é considerada "irreparábel" polo persoal oftalmolóxico, a especialidade da Baixa Visión, da que só hai dous profesionais na Galiza, permite realizar procesos de rehabilitación para recuperar a autonomía. "Ser autónomo non ten prezo", incide a optometrista Elena Fraga, unha das especializadas nestas patoloxías que afectan 2% da poboación.

Unhas 53.000 galegas e galegos padecen deficiencias de baixa visión, segundo as últimas estimacións do Instituto Nacional de Estatística (INE), que cifra en perto de 2% as persoas con este tipo de patoloxías. A Sociedade Española de Especialistas en Baixa Visión (SEEBV) defínea como "a redución importante da visión dunha persoa que non mellora utilizando a axeitada corrección en lentes, lentes de contacto ou tratamento médicos, farmacolóxicos ou cirúrxicos, o que dificulta a realización de tarefas cotiás".

Porén, a pesar da grande incidencia que teñen estas patoloxías, a baixa visión é unha especialidade oftamolóxica descoñecida para boa parte da poboación. De feito, no conxunto do Estado español hai pouco máis dun cento de especialistas rexistrados na SEEBV, e só dous na Galiza. Nós Diario conversa cunha delas, a optometrista Elena Fraga, que desenvolve a súa actividade en Ordes e Santiago de Compostela.

"As persoas con baixa visión presentan principalmente alteracións do campo visual e déficit de agudeza visual. Teñen certa dificultade para discernir e localizar obxectos ou sensibilidade ao contraste. A Organización Mundial da Saúde (OMS) detalla valores concretos para distintos estadios, con discapacidade moderada ou grave", sinala a optometrista. Cando unha discapacidade visual grave empeora deriva na cegueira propiamente considerada legalmente.

"Os médicos moitas veces non derivan este tipo de pacientes a Baixa Visión cando xa non poden facer máis con eles, e como tampouco son considerados cegos marchan á casa sen máis solucións", sinala Fraga

Elena Fraga decidiu cursar esta especialidade ao tomar consciencia da "falta de atención" a este colectivo. "Vin que había pacientes cos que empatizaba e que non estaban a recibir atención ningunha, dado que hai poucos especialistas e moito descoñecemento. Os médicos moitas veces non derivan este tipo de pacientes a Baixa Visión cando xa non poden facer máis con eles, e como tampouco son considerados cegos marchan á casa sen máis solucións", apunta.

Mais non todas as deficiencias visuais son consideradas patoloxías de baixa visión, xa que moitas persoas poden mellorar considerabelmente a visión con lentes oftálmicos, lentes de contacto e outros tratamentos. Por exemplo, a miopía, que a nivel estatal afecta perto de 40% da poboación, pode ser facilmente corrixida.

"Se a miopía deriva en miopía magna provoca unha serie de reaccións na retina que si poden derivar en discapacidade visual, pero quedan eliminadas da ecuación as persoas que melloran a visión por diferentes vías", precisa a optometrista. Si son consideradas causas de discapacidade visual os erros refractivos non corrixidos, as cataratas, o glaucoma, a dexeneración macular asociada á idade (DMAE) ou a opacidade da córnea, entre outras.

"Sempre traballamos con obxectivos reais para o paciente buscando recuperar a autonomía", indica Fraga

E como cómpre actuar fronte a este tipo de deficiencias visuais? A baixa visión non se trata, aclara a optometrista Elena Fraga, pois sempre hai causa patolóxica detrás. "Esa patoloxía ten que ser tratada por un oftalmólogo, e cando el determina que non se pode facer máis a nivel médico, nin tratamentos nin cirurxías de ningún tipo, e quizais marcha á casa con 10% de visión, aí entramos nós. O que facemos é un proceso de rehabilitación, intentar axudar o paciente para que con ese 10% poida ser autónomo na súa vida diaria", indica.

Filtros para os lentes, telescopios, microscopios ou lupas son algúns dos elementos que poden contribuír a mellorar o contraste, a estabilidade ou a iluminación e, en definitiva, axudar a mellorar a agudeza visual con base en determinados concretos: "É unha rehabilitación integral na que utilizamos todo tipo de axudas, ópticas e non ópticas. Sempre traballamos con obxectivos reais para o paciente, por exemplo, axudalo a volver ler o xornal se non pode. Cara aí enfocariamos a rehabilitación".

A duración dese proceso depende de múltiples factores como o campo visual da persoa en cuestión, pois "non é o mesmo traballar cunha persoa con 10% de visión que con menos de 5%", matiza Elena Fraga, mais acostuma alongarse varios meses. "Cando ven que se lles pode axudar a conseguir autonomía piden máis, porque van abrindo portas e posibilidades e queren seguir na rehabilitación. Ser autónomo non ten prezo", conclúe.