Datos do Observatorio contra a Violencia de Xénero

Baixa o número de denuncias por violencia de xénero na Galiza

Menos denuncias e menos vítimas de violencia de xénero na Galiza no segundo trimestre de 2019.

Segundo os datos ofrecidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), procedentes do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial; no segundo trimestre do ano, Galiza presenta a terceira taxa de violencia de xénero máis baixa de todo o territorio, con 11 vítimas de cada 10.000 mulleres.

Entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2019, Galiza rexistrou 1.607 denuncias por violencia de xénero, o que supón un 6,8% menos que no mesmo período do ano pasado. Neste tempo, diminuíu tamén o número de mulleres vítimas de violencia de xénero. En total, contabilizáronse 1.545, un 4,1% menos que en 2018.

Pola contra, medrou o número de persoas axuizadas, tanto nos Xulgados de Violencia sobre a Muller (26,9%) como nos Xulgados do Penal (7,1%); así como o número de sentenzas condenatorias. 78,8% das persoas axuizadas por delitos relacionados coa violencia de xénero foron condenadas, un dato que mantén a Galiza por debaixo da media estatal, que se sitúa en 86,7%.

Tamén creceu o número de ordes de protección, tanto solicitadas (524) como concedidas (325). Neste sentido, o Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero apunta unha suba importante das medidas de protección, tanto civís (atribución da vivenda, prestación de alimentos, suspensión de garda e custodia, suspensión do réxime de visitas ou da patria potestade) como penais (ordes de afastamento, prohibición de comunicación ou medidas preventivas de liberdade).

Segundo os datos facilitados esta segunda feira polo TSXG, no país aumentaron, ademais, os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar, unha renuncia que non marca necesariamente a fin do procedemento xudicial. No segundo trimestre de 2019, 133 mulleres escolleron esta opción, un 13,7% máis có ano pasado.

Canto á taxa de violencia de xénero, Galiza é o terceiro territorio do Estado con menos vítimas por cada 10.000 mulleres, 11, por detrás de Aragón  (9,8) e Castela e León (10,1).

No conxunto de Estado, o Observatorio contra a Violencia de Xénero sinala o aumento do número de denuncias presentada por familiares das vítimas, un dato destacado pola presidenta da entidade, Ángeles Carmona, que o considera “aínda insatisfactorio”. Nesta liña, apunta a necesidade de seguir apostando pola visibilidade da violencia de xénero no marco da prevención, a protección e o amparo ás vítimas.”O incremento das ordes de protección reflicte unha tendencia á alza que fala, por un lado, da concienciación das vítimas e familiares, e por outro, de maior sensibilidade na resposta institucional fronte á violencia de xénero”.