A baixa integridade ecolóxica do bosque galego, a descuberto na revista 'Nature'

Repoboación do monte comunal de Padróns (Ponteareas) con especies autóctonas da man das brigadas deseucaliptizadoras (Foto: Verdegaia).
Un estudo publicado na revista Nature a primeiro do mes de decembro revela a escasa calidade da masa forestal na Galiza como consecuencia da actividade humana.

A revista Nature vén de publicar unha investigación que analiza a calidade ecolóxica das masas forestais do planeta e que reflicte a dexeneración do bosque galego. De feito, Galiza e o norte de Portugal son, a canda a cornixa cantábrica, os territorios da Península Ibérica con maior extensión de superficie arborada degradada pola pegada do home.

O estudo "Anthropogenic modification of forests means only 40% of remaining forests have high ecosystem integrity", liderado por Hadley Grantham, director de planificación da conservación da Wildlife Conservation Society (Nova York), examinou o grao de modificación antropoxénica dos bosques para incidir no empobrecemento do ecosistema e a diminución dos beneficios que proporciona a foresta.

 A investigación estabeleceu un índice de integridade da paisaxe forestal para tratar de describir o grao de modificación dos bosques a causa da intervención humana. Así, o autor considerou a tala industrial de árbores, a fragmentación das masas forestais por mor das infraestruturas, o impacto da actividade agrogandeira, a urbanización e mesmo outros factores de cambio como a caza excesiva, os incendios ou o auxe de especies invasoras.

Políticas máis ambiciosas

O estudo conclúe que só 40,5% do bosque mundial é de calidade e mantén unha alta integridade, principalmente en Rusia, Canadá, nas rexións amazónicas, África e Nova Guinea. E incide en que 26% de todos os bosques cunha calidade alta atópase en áreas protexidas fronte a 13% da foresta de baixa integridade. 

Os resultados da investigación pódense apreciar nun mapa do planeta que rexistra os impactos humanos nos bosques do mundo, a degradación da biodiversidade e a perda dos beneficios forestais co obxectivo de que "os encargados de formular políticas e tomar decisións vexan onde se encontran os bosques que sobreviven en boas condicións" e adopten "medidas ambiciosas" para a súa conservación.

Neste sentido, sinala o artigo, "evitar a perda de integridade é unha estratexia mellor que restaurar a condición do bosque tras a súa mingua", xa que a restauración é máis custosa, ten máis risco de falla e é pouco probábel que devolva o monte ao seu estado anterior con todos os seus beneficios.

Así, chama a protexer os bosques máis vulnerábeis de forma activa. "Precísase unha ordenación eficaz dos bosques de produción para manter o seu rendemento sen empeorar aínda máis a súa integridade ecolóxica".

O eucalipto, desbocado

Segundo o último inventario forestal estatal, Galiza conta con pouco máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal, 70% arborada e 30% ocupada por arborado disperso. Arredor de 600.000 hectáreas son improdutivas e só unhas 300.000 están protexidas. "Os datos que temos son de hai 12 anos e non dispomos dunha fotografía recente do noso bosque, pero non hai dúbida de que o eucalipto está desbocado. Hai moi pouca biodiversidade e existen moitas pestes e enfermidades sanitarias asociadas a esta especie invasora que agravan a dexeneración das masas forestais", advirte Alberte Blanco, profesor e ex director xeral de Montes.

Desagrarización, despoboamento e descontrol territorial

"Os incendios forestais veñen agravar o dano que provocan as especies alóctonas pirófitas, ao multiplicar a súa expansión", explica Alberte Blanco. A este factor, engade a escasa ordenación do monte e do territorio na Galiza. "Aquí o que temos é un caos. A falta de planificación combina cunha desagrarización en moitas partes do país e cun despoboamento forzado que afianza o abandono e crecemento incontrolado do bosco, fundamentalmente de matogueiras, non de bosque autóctono, sen aproveitamento de ningún tipo", conclúe.