As badaladas pola prevención do suicidio volveron soar na praza das Pratarías

Acción do MGSM en Compostela, en setembro de 2022. (Foto: Nós Diario)

O Movemento Galego da Saúde Mental pide reconducir as políticas destinadas a prever os suicidios.

O Día Mundial da Prevención do Suicidio, celebrado anualmente o 10 de setembro, organizado pola Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio (IASP) e avalado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), ten como obxectivo xeral o de crear conciencia acerca da necesidade urxente de establecer políticas eficaces para lograr unha redución da mortalidade por suicidio, desde a realidade de que o suicidio pódese previr

Con este propósito, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) organiza o acto “Badaladas pola Prevención do Suicidio” de xeito ininterrompido desde o ano 2016, animando á cidadanía a participar no mesmo. Así, as badaladas volveron soar este domingo, 10 de setembro, na praza das Praterías de Compostela.

Segundo sinalan desde o MGSM, a Galiza sofre as taxas de mortalidade por suicidio máis altas de todo o Estado español, xunto con Asturias, cunha tendencia crecente nos últimos anos. É a principal causa de morte externa, duplicando a do número de mortes por accidente de tráfico.

Na Galiza, máis de 3.000 persoas morreron por suicidio nos últimos 10 anos. 340 persoas confirmadas no ano 2022, segundo os datos presentados hai escasos días polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). Case un suicidio cada día.

Para o MGSM trátase dun grave problema de saúde pública, polas altas taxas de mortalidade que poderían prever e polo impacto na contorna máis inmediata e na comunidade en xeral, con efectos a longo prazo.

Reducir a mortalidade por suicidio

A OMS marca o obxectivo, xunto con Nacións Unidas a través dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de reducir nun terzo a mortalidade por suicidio no ano 2030. Antes diso, fixaran como obxectivo a lograr en cada país unha redución de 10% o número de mortes por esta causa en 2020.

Na Galiza “estamos moi lonxe de cumprir eses obxectivos de mínimos”, afirman desde o MGSM. Con anos de atraso, e grazas á presión cidadá a través da campaña “Badaladas pola Prevención do Suicidio”, en 2017 publicouse o Plan Galego de Prevención do Suicidio, recoñecendo así a gravidade do problema anteriormente minimizada. No seu momento o MGSM realizou unha valoración crítica sobre este plan, sinalando os aspectos que se apartaban das recomendacións da OMS.

Transcorridos 6 anos desde a publicación do Plan Galego de Prevención do Suicidio sen que a Xunta da Galiza fixera unha avaliación anual do seguimento das medidas executadas e un informe de propostas de mellora, o MGSM reclama que, coa máxima urxencia, se estabeleza un diálogo social con todos os sectores concernidos na prevención do suicidio, incluída a cidadanía e os medios de comunicación, e con representación das institucións locais e galegas que permita reconducir as políticas de prevención do suicidio e lograr os obxectivos marcados para 2030.