EMPRAZAN A FISCALíA A INVESTIGAR

Unha bacteria pon baixo sospeita o novo hospital de Vigo

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Catro persoas permanecen en situación de illamento no novo hospital de Vigo pola suposta aparición dunha bacteria no propio centro sanitario. A bacteria é multirresistente a antibióticos e volveu espertar a alarma a respeito das deficiencias denunciadas no hospital.

A bacteria klebisiella volve pór o novo hospital de Vigo no ollo do furacán após provocar o illamento de catro pacientes. Descoñécese se os contaxios tiveron lugar no propio centro sanitario, de aí que o Defensor do Paciente emprazara a Fiscalía a abrir unha investigación de oficio sobre a suposta aparición da bacteria –que é multirresistente a antibióticos- no hospital.

Nun comunicado, a asociación advirte da “gravidade” da situación e apela a coñecer como se produciron os contaxios. Tamén esixe revelar o grao de “cumprimento dos protocolos de protección e a asepsia do propio centro”. “Estas infeccións son evitábeis se se cumpren de forma inescusábel os protocolos”, salienta a entidade. De non ser así, engade, os responsábel deberán responder ante a lei por desleixo.

“Estas infeccións son evitábeis se se cumpren de forma inescusábel os protocolos”, salienta a asociación

La Voz de Galicia indica que o Sergas admite que descoñece se algún dos pacientes se contaxiou dentro do hospital e sinala que, polo momento, non se pode falar de brote, pero que tampouco pode descartarse. Segundo este medio, a UCI –onde se atopan os pacientes en situación crítica está sometida a condicións especiais, pois esta bacteria se transmite por contacto. Engade que o persoal de enfermaría que trata os pacientes contaxiados é exclusivo para eles.

O hospital Álvaro Cunqueiro era noticia hai dúas semanas após termos coñecemento da prohibición, por parte dun alto cargo do Sergas, dos cartaces colocados por profesionais da saúde nos que cuestionaban a calidade asistencial que se presta no propio centro.