As bacías dos ríos Deva, Tambre e Verdugo, en aviso por posíbeis inundacións e escorreduras

Crecida do río Verdugo ao seu paso polo concello de Ponte Caldelas. (Foto: Europa Press)
Arbo, Val do Dubra e Ponte Caldelas son os concellos máis afectados polos efectos das precipitacións das últimas horas.

As bacías dos ríos Deva, Verdugo e Tambre prepáranse desde primeira hora da tarde desta sexta feira para afrontar posíbeis inundacións, ante a previsión de que as intensas precipitacións regresen durante esta madrugada á metade occidental da Galiza.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou o Plan especial ante o risco de inundación na Galiza (Inungal), de cara ao posíbel desbordamento dos ríos Deva, á altura das Regadas, no concello de Arbo; Tambre, en Val do Dubra; e Verdugo, ao seu paso polo concello de Ponte Caldelas.

Os tres municipios, onde se rexistraron incidencias durante a madrugada desta sexta feira, aínda que ningunha delas de grande importancia, puxeron en marcha diferentes accións para previr os posíbeis efectos das crecidas dos ríos.

Segundo a información recibida mediante os sistemas de control e seguimento, ao superar os limiares estabelecidos, os cursos destes ríos están a presentar un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poden chegar a darse inundacións puntuais.

Medidas preventivas

En Val do Dubra, efectivos municipais e externos traballaron ao longo do día para rematar de resolver os problemas rexistrados durante a noite, na que se produciron caídas de árbores e desbordamentos puntuais do Tambre.

A zona que máis preocupa é a de Portomouro, como apuntou a Europa Press o rexedor dubrés, José Manuel Varela, que estendeu a zona de vixilancia a outros puntos nos que o río adoitaba traspasar o seu leito en xornadas de precipitacións intensas.

En Ponte Caldelas foron restrinxidas as zonas de aparcamento próximas ao río Verdugo e outras áreas como a zona traseira do centro cultural para evitar que se estacionen coches e poidan resultar afectados ante a eventual crecida do río.