Sanidade flexibilizará o ensino mais non a hostalaría

O conselleiro Julio García Comesaña en rolda de prensa. (Foto: Conchi Paz / Xunta)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña comenta nunha entrevista coa Radio Galega que os cambios que poidan emanar da xuntaza do Comité clínico nesta segunda feira terán un impacto limitado mentres a situación das UCI siga a ser de saturación.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou esta mañá nunha entrevista na Radio Galega que o comité clínico podería adoptar na segunda feira "algún axuste" nas restricións.

Así e todo os cambios, segundo deixou entrever o conselleiro, terán un impacto limitado dado que continúa a preocupar a situación nas unidades de coidados intensivos, que se mantén en máximos da pandemia con 228 pacientes segundo o último balance.

O titular de Sanidade quixo manifestar a súa satisfacción cos efectos das medidas impostas pola Xunta a finais de xaneiro, xa que cre que se están "cumprindo as previsións" que barallaba o comité de expertos.

Un órgano que volve reunirse na segunda feira, día no que, segundo afirmou o propio presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, na pasada quinta feira, anunciaríase se se poden flexibilizar "pouco ou moito" as restricións.

Respecto diso, García Comesaña na recoñeceu que "algún axuste pode facerse" pero cre que debe primar a "prudencia" pola situación nas UCI (Unidades de Coidados Intensivos), que continúan en máximos de ocupación da pandemia.

"Os números están por enriba do pico de marzo e iso obríganos a ser moi prudentes", comentou após apuntar que a evolución das cifras en números de contaxios, casos activos e incidencia acumulada "favorecen o clima de optimismo".

Así as cousas, o conselleiro deixou entrever na conversa radiofónica que a flexibilización das restricións podería estar enfocada á educación coa volta á presencialidade nas universidades. O titular de Sanidade cre que "por afectación e protagonismo", a reapertura da hostalaría vai "máis a longo prazo", pois, di, está "comprobado" o efecto que ten a súa clausura na baixada da incidencia acumulada.

"Os resultados están aí", sinalou o conselleiro despois de subliñar que se trata dun "tema difícil" porque, aínda que "moitos" dos rastrexamentos apuntan a unha transmisión no fogar, o virus "chegou a ese domicilio dalgún sitio".

Outro dos aspectos que o conselleiro evitou concretar foi se está enriba da mesa a posibilidade de cambios nas restricións á mobilidade, que desde finais de xaneiro está limitada ao termo municipal.

"Os fechamentos están moi ligados á incidencia acumulada e Galiza está aínda en valores altos. Esperamos que, cos modelos matemáticos que temos, en pouco tempo, nunha semana ou semana e media, academos os valores nos que estabamos antes”, manifestou referíndose á terceira vaga Comesaña.

Demandou "paciencia e comprensión" para os veciños de municipios con baixa incidencia ou sen casos nos últimos días que manteñen, como o resto da Galiza, o máximo nivel de restricións.

Segundo argumentou, a situación actual fai necesarias medidas "transversais" e que, após recoñecer que terían sentido adaptacións a nivel local, isto podería xerar "situacións difíciles de explicar" como a apertura da hostalaría nun municipio mentres no veciño seguefpechada, o que fai "tentador" desprazarse ao primeiro.