Ensino

Abre o prazo para solicitar as axudas á compra de libros e material escolar

As axudas están destinadas a alumnado de Primaria, ESO e Educación Especial. (Foto: Nós Diario)
A Xunta asegura que as achegas serán para "100% das familias que cumpran os requisitos".
  1. A quen están dirixidas as axudas?
  2. Canto diñeiro me poden dar para os libros?
  3. Canto recibo para material escolar?
  4. Como funciona o Fondo Solidario de Libros?
  5. Como podo presentar a solicitude?
  6. Cando abre o prazo?

A Xunta da Galiza abre o prazo para que as familias soliciten as axudas para a compra de libros e material escolar, ou ben para o acceso ao Fondo Solidario de Libros de Texto, destinados ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial de centros públicos para o curso 2022-23.

A Consellaría de Educación asegurou a dotación gratuíta de libros e material "para 100% das familias que cumpran os requisitos estabelecidos".

A Xunta habilitou unha contía de 25,6 millóns de euros. A maior parte destes fondos, explicaron desde o Goberno galego, destinarase á reposición dos manuais do Fondo Solidario de Libros pola entrada en vigor, en setembro, da nova lei educativa, a Lomloe.

A quen están dirixidas as axudas?

As axudas da Xunta para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, así como ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior a 65%.

Canto diñeiro me poden dar para os libros?

Educación Primaria

O alumnado dos dous primeiros cursos de Primaria recibirá 210 euros, no caso dunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e de 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

Aliás, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se atope en situación de garda ou tutela da Xunta recibirá a axuda máxima —210 euros—, e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

No que respecta ás axudas ao material escolar poderán optar a elas o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros/alumno.

Educación Especial

No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial en centros comúns, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior a 65%, recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Canto recibo para material escolar?

No que respecta ás axudas ao material escolar poderán optar a elas o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros por alumno ou alumna.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior a 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Como funciona o Fondo Solidario de Libros?

Por último, ao Fondo Solidario de Libros pode participar o alumnado en 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar.

En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de espera ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior a 65%, con independencia da súa renda familiar.

Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de espera ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior a 65% —nestes dous últimos casos con independencia da renda— ten acceso garantido a seis libros. As familias con treitos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais.

Será requisito fundamental para acceder ao Fondo ou para recibir as axudas devolver os libros dos cursos anteriores.

Como podo presentar a solicitude?

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica —preferentemente— mediante a aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros estabelecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Cando abre o prazo?

O prazo para as solicitudes, tal e como recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG), ficará aberto desde esta quinta feira, 19 de maio, até o próximo 22 de xuño.