Axentes medioambientais denuncian a precariedade que condiciona a loita contra os incendios en Galiza

Imaxe: Aprafoga

Fontes deste colectivo denuncian falta de medios e recursos, así como a necesidade de profundizar na especialización do persoal. Critican que se careza dun dispositivo único e público no combate ao lume. Falamos cun deles.

“Traballamos case cos mesmos medios que nos 90, cuns medios obsoletos e coa falta de elementos básicos que, coa tecnoloxía existente, poderían axudar e moito, na loita contra os incendios”. Quen así fala é José Manuel Couselo, un dos axentes medioambientais da Xunta que, entre outras tarefas, vixian os montes galegos e combaten os incendios. El e os seus compañeiros auguraron hai uns días, nunha comparecencia, que a campaña de incendios que vén vai ser, como mínimo, “complicada”. A temporada de alto risco de incendios comeza en xuño e prolóngase até setembro.

Fala Couselo da dificultade de coordenar e dirixir o combate e extinción dun incendio cando chegas á zona e sobre o terreo atopas que hai desde persoal municipal até brigadas do Seaga, militares, protección civil.. “Nós demandamos que haxa un dispositivo único e público”, aponta. Por iso este colectivo e os sindicatos pediron á Xunta que asuma as responsabilidades e non as derive cara ás empresas privadas e outras administracións públicas, e descargando a extinción dos lumes en medios alleos á Administración galega, como é o caso da UME.

Medios

“Carecemos até de PDA, temos medios obsoletos, da década dos 90, cando hoxe en día poderiamos ter a axuda da teconoloxía, en cuestións como a cartografía”, indica Couselo. Preguntado sobre se a política forestal avanzou desde hai 10 anos (o 2006, no que centos de incendios calcinaron boa parte do país), considera que “pouco cambiou”. E aquí destaca a importancia da especialización para os axentes medioambientais, algo no que non se traballa, di. “Estamos para todo á vez, deberiamos estar especializados e non intentar abranguer todo e ao final, nada”.

Destaca que o persoal debería estar formado e especializado, uns en investigación, outros en extinción, vixiancia... e que así sería máis eficaz a acción conxunta a desenvolver. “Nun distrito tipo pode haber 20 axentes [Na Galiza hai 19 distritos], cada un con un ou dous concellos ao cargo. E esa persoa ten que facer de todo: desde os trámites burocráticos até dar aulas de concienciación nos colexios, vixiar, coordenar...” De aí que se reclame unha mellor organización e especialziación, así como recursos humanos e materiais abondo.

Lembra tamén José Manuel Couselo que este colectivo réxese por un convenio laboral de 2004, caducado, e que aínda mantén para estes traballadores un dos niveis máis baixos, o 14, cando a responsabilidade que teñen no seu traballo “é enorme. É algo que reivindicamos desde hai tempo: que paulatinamente nos suban o nivel”.

“Complicada”.

Augura unha campaña de incendios “complicada” após un inverno no que ás choivas se sumaron temperaturas máis altas do normal, e que foi relevado por unha primavera nesas mesmas coordenadas. E sen avanzos na política contra incendios. O que sae produto desta combinación vémolo todos os anos.