En paro indefinido desde o 1 de agosto

Os axentes forestais manifestaranse a cuarta feira en Vigo

Protesta dos axentes ambientais da Xunta. Foto: CIG.

Os axentes forestais e ambientais da Xunta veñen de convocar unha manifestación “en defensa do patrimonio natural galego” para esta cuarta feira, 22 de agosto. A marcha partirá ás sete da tarde desde a Praza dos Cabalos de Vigo.
 

Os traballadores e traballadoras públicos, que se atopan en paro indefinido desde o pasado 1 de agosto, reclaman un acordo laboral digno que regule as súas condicións de traballo. Ademais, queren reivindicar o seu labor de “defensa e custodia dos valores naturais”. E por iso que chaman a organizacións ecoloxistas, comunidades de montes, entidades de defensa do medio rural “e ao conxunto da cidadanía” a participar da protesta.

“Reclamamos uns servizos públicos de calidade”, afirma o comité de folgo -formado polos sindicatos CIG e UGT-, “e a dignificación e profesionalización dos axentes ambientais e dos traballadores forestais”. “Queremos un rural e un monte vivos”, conclúen, “o noso medio ambiente pide axuda”.

 

O Goberno galego decretou uns servizos mínimos do 100% para a folga dos axentes forestais e ambientais. A última xuntanza de traballadores e Xuntas rematou sen acordo. O Executivo de Núñez Feixóo pretendeu impoñer unhas condicións laborais que non atendían ás reivindicacións dos folguistas: 1.700 horas anuais, quendas de garda de 12 horas, aumento da xornada nocturna de inverto de 7 a 10 horas, sen garantías de descanso semanal de 48 horas, e sen definición da segunda actividade nin de coeficientes redutores da idade de xubiliación- .

 

“Houbo falta de propostas e de vontade negociadora”, denuncian desde o comité folga.