Axentes ambientais piden que a administración electrónica se adapte á realidade do rural galego

Consideran que decretos como o que regula os aproveitamentos de madeira e leña, poden implicar problemas para a poboación, avellentada, do rural.

Axentes forestais e ambientais da Galiza asociados en Aprafoga mostran a súa preocupación e desacordo polo decreto que establece a que xestións de importancia no rural como as solicitudes de aproveitamentos forestais para uso propio (leñas) pasen a ter que se realizar, afirman, “unicamente a través de formato electrónico”.

Unha decisión, advirten, que afecta a aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Galiza

Durante 2019, afirman, das 93.921 declaracións e solicitudes de aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada realizadas na Galiza, 39,44% tramitáronse en formato papel (32.742). Máis do 75% das solicitudes mediante o modelo MR604H destinadas para cortas de uso propio tramítanse a través das oficinas de información de cortas, concellos ou distritos.

Con este novo decreto, que establece que ese trámite será agora unicamente elctronico e non presencial, Aprafoga entende que prexudica “ao rural e a súa xente, xa que a administración electrónica é unha realidade totalmente desleigada deste ámbito”.

“Nas oficinas de información de cortas, víñase facendo, á parte dun servizo público que consideramos esencial e que nunca se debe perder; un gran labor de extensión forestal de cara á poboación rural e propietarios forestais en canto a asesoramento técnico libre de arbitrariedades, dúbidas relacionadas coas limitacións ou requirimentos dalgúns aproveitamentos forestais e usos do monte, pragas, plantacións e as súas distancias, usos do lume e recomendacións en prevención de riscos (non esquezamos o alto número de accidentes en labores forestais e/ou usos do lume que acontecen cada ano). A perda desta información suporía un forte menoscabo do vínculo e da proximidade da administración forestal, a través dos axentes ambientais, coa poboación rural”.

Por iso solicitan que os axentes ambientais continúen coas funcións de información de cortas e extensión forestal “tal e como se viñan desenvolvendo até o de agora nos lugares establecidos para isto (concellos, distritos, etc.); xunto co feito de que os aproveitamentos forestais destinados a uso propio poidan ser tramitados de forma presencial ou ben establecer unha canle para poder ser tramitados a través das oficinas de extensión forestal cando as persoas administradas se acheguen a solicitar información; así como a posibilidade de incorporar dita ferramenta aos dispositivos móbiles tablets da administración para poder dar máis facilidades á poboación rural”.