POR SEGUNDA VEZ EN 24 HORAS OS SINDICATOS DENUNCIAN FALLA DE MEDIOS E PROTOCOLOS

Un axente forestal de garda para cubrir 20 concellos en época de máximo risco de incendios

Lume en Valdeorras

Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF volven denunciar por segunda vez en 24 horas a falla de medidas contra os lumes, así como que as brigadas municipais non están operativas. O BNG pregunta no Parlamento pola política de incendios.

As centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF reiteraron esta terza feira, e por segunda vez en 24 horas, a alarmante "situación de perigo·de incendios forestais para este verán, que engade "á ausencia da implantación dunha política de prevención de incendios". As centrais insisten en que a probabilidade de lume é moi alta, malia o cal "a Xunta segue a mentir descaradamente argumentando que o operativo está listo". Algo que as centrais din que non é certo: "A realidade é outra". Así, afirman que as brigadas dos concellos que constan no Pladiga aínda non están operativas, que se retrasou o inicio das brigadas de Seaga ata o 16 de xullo e continúan sen cubrir as baixas, xubilacións e postos vacantes do dispositivo propio da Xunta. 

"As consecuencias de todo isto son que os lumes se apagan con brigadas de 2 ou 3 compoñentes, poñendo en perigo a seguridade de todos e facendo moi complicada a dirección de extinción por parte dos Axentes Forestais e Medioambientais. A ausencia de persoal para a condución de vehículos motobomba, fai que non estén todas dispoñibles". Afirman que "a falla de persoal provoca situacións nas que un só axente deba cubrir, na súa garda, un territorio de ata vinte concellos. Isto é ter medios?".

Pregunta do BNG

A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou na terza feira unha pregunta o Goberno relativa a superficie queimada e  resultado da súa política en materia de loita contra os incendios. Paz iniciou a súa intervención lembrando que dende o ano 2006 os traballadores  fixos descontinuos traballan nove meses, comezan a traballar en febreiro e rematan en novembro e iso, dixo, non representa  “ningunha planificación” e  acusou á Consellería e o Secretario xeral de Montes  de mentir sistematicamente cando afirman que na actualidade “3.000 persoas traballan nos montes galegos”.