A Axenda Feminista 2018 homenaxea 12 activistas galegas

O Observatorio da Mariña pola Igualade vén de presentar a Axenda Feminista 2018 co título de Activistas galegas. É a maneira en que a organización quere, no seu décimo aniversario, render homenaxe ao activismo galego. Reivindicacións e nomes de militantes polos dereitos e a igualdade das mulleres aparecen nas páxinas da súa axenda anual.

Nas anteriores sete edicións, a iniciativa do observatorio escolleu como protagonistas galegas dedicadas á música, á escrita, ao teatro, á poesía, á ciencia e ás labregas. En Activistas galegas figuran a membro do Foro de Inmigración Laura Bugalho, a sindicalista labrega Isabel Vilalba, a músico de Batuko Tabanka Antonina Semedo, a xuíza Paz Filgueira, a ecoloxista de Verdegaia Nela Abella, a filóloga e experta en normalización lingüística Valentina Formoso, a libreira de Lila de Lilith -libraría feminista de Compostela- Patricia Porto, a activista pro Palestina Marisela González, a sindicalista Susana Riveira, Iria Villar, Adriana Casal e Carmen Vilaboa.

 

O formato é igual ao de edicións anteriores e este anos conta con deseño da ilustradora viguesa Abi Castillo.

 

Hai xa varias datas para a presentación da axenda. Celebrarase durante os días 15, 16 e 19 de decembro nas librarías Porta da Vila (Viveiro), Lila de Lilith (Santiago de Compostela) e Bahía (Foz) respectivamente. As 12 activistas que protagonizan o anuario estarán presentes nos actos.