Nosa envía a IV MarumaSat á atmosfera

[Imaxe: Cedida]. O interior da IV sonda MarumaSat

Os institutos integrantes da axencia espacial escolar galega lanzaron, este mediodía, a súa IV sonda espacial. Un proxecto que cumpre este ano a súa cuarta edición e co cal pretenden comprobar a teoría da relatividade de Einstein 

Tal como estaba previsto, no mediodía desta terza feira, a axencia espacial escolar galega (NOSA) puido enviar a IV sonda MarumaSat a estratosfera. Un lance que estivo, nun primeiro momento, programado para o 10 de maio e que non se puido ter realizado por inxerencias atmosféricas desfavorábeis.

Desta vez, coa climatoloxía a favor, os integrantes da axencia reuníronse no IES Maruxa Mallo para realizar o lanzamento, o cal estivo accidentado. Nada máis despegar, unha racha de vento golpeou os aparatos de xeolocalización que colgaban da cápsula contra unha parede. Un incidente que complica ás posterior tarefas de busca.

Tal como explica o secretario da organización da Nosa, Xosé Manuel Fernández, “imos ter problemas porque só contamos co dispositivo Lora, co gps interno, co teléfono e cunha antena de localización de aves e a cousa non é tan fácil”.

Nestes intres, os responsábeis do experimento estudantil están camiño de Maceda. Unha vez neste concello buscarán un punto alto no que establecerse e tentar atopar a antena que a sonda leva incorporada para localizar esta última, a cal está previsto que toque terra esta tarde.

 

Os obxectivos do proxecto

 

O de hoxe é un lance que da continuidade a un proxecto nado no curso 2014/2015 e que fai este ano a súa cuarta edición. Ademais do xa mencionado instituto de Ordes, participan na misión o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, o IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela, o CPI O Cruce de Cerceda e o IES Ferrol Vello, todos eles integrantes de NOSA.

“Einstein, rastrexando raios cósmicos” é o nome que recibe a misión da axencia deste ano. A sonda  atravesará o ceo co obxectivo principal de comprobar a teoría da relatividade enunciada polo afamado físico alemá. Isto será posibél mediante o estudo dos muóns froito da descomposición dos raios cósmicos.

Con este lanzamento tamén se pretende estudar a velocidade de reprodución de seres unicelulares fora da Terra, a variación das propiedades organolépticas da auga, ou medir campo magnético terrestre. Porén, para saber os resultados haberá que esperar á súa posterior recolección.