Críticas á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza por convocatorias que exclúen o persoal temporal

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG) publica no DOG dúas resolucións polas que se aproban as convocatorias ordinarias para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas aos complementos autonómicos de recoñecemento de labor docente, investigador e de cargos de xestión. Unhas convocatorias, denuncian desde CIG-Ensino, que se limitan ao persoal funcionario e contratado doutor, deixando fóra todo o persoal interino e colaborador, “incorrendo nunha nova discriminación entre o persoal fixo e o temporal, vetada polas directivas da Unión Europea e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE”.

 

O sindicato lembra que nos últimos meses ditáronse tres sentenzas que indican claramente que o persoal temporal non pode ser excluído destas convocatorias.  Demanda que a Axencia se aveña ao recurso de reposición presentado polo sindicato e corrixa ambas convocatorias, incluíndo nelas a todo o persoal temporal. Do contrario, anuncia o sindicato, presentará demanda no xulgado.