O avogado da 'Manada' ultima un recurso para rebaixar a pena dun dos condenados pola Lei do 'só si é si'

O avogado Agustín Martínez. (Foto: Europa Press)
Malia que non aclarou de quen se trata, a nova Lei do 'só si é si' só podería permitir na práctica reducir nun ano a pena de Ángel Boza, condenado a 15 anos de prisión pola violación grupal dos Sanfermíns en 2016.

O avogado da 'Manada', Agustín Martínez, traballa na presentación dun recurso para solicitar unha revisión á baixa da pena para un dos seus representados, condenado polo Tribunal Supremo a 15 anos de prisión por un delito continuado de violación cos agravantes específicos de trato vexador e actuación conxunta de dúas ou máis persoas, en aplicación da nova Lei de Garantías da Liberdade Sexual, coñecida como a Lei do 'só si é si'.

Así o confirmou esta quinta feira o propio Martínez, nunha entrevista concedida a Europa Press Televisión durante a que non achegou máis detalles sobre o recurso no que xa está a traballar e que "en principio afectaría exclusivamente un" dos condenados que el representa.

Aínda que o avogado non precisou a quen podería beneficiar o recurso, a nova Lei do 'só si é si' só podería permitir na práctica reducir nun ano a pena de Ángel Boza, condenado a 15 anos de prisión pola violación grupal dos Sanfermíns en 2016. Os outros catro homes sevillanos tamén condenados suman outras penas por casos como os abusos sexuais de Pozoblanco e non poderían beneficiarse de ningunha rebaixa.

Martínez si defendeu que esa rebaixa na condena "é perfectamente posíbel porque se reduciron os mínimos das penas e a sentenza ditada no seu día polo Tribunal Supremo facía a anotación de referirse a que efectivamente se aplicaba o mínimo penal e, modificándose o mínimo penal, pois entendo que é máis favorable a aplicación da norma actual".

O avogado da 'Manada' rexeitou as críticas da ministra de Igualdade, Irene Montero, que defendeu a lei e atribuíu a redución de penas a violadores a que o machismo "pode facer que haxa xuíces que apliquen erroneamente a lei ou que a apliquen de forma defectuosa".

"O que hai é unha mala lei, baseada exclusivamente na propaganda e que tentou enganar á poboación, vendéndose como que era una unha reforma moi positiva centrándose no elemento do consentimento cando o consentimento é o elemento primario que existía no Código Penal anterior", xustificou.

Ao seu xuízo, o que se fixo coa nova Lei de Garantías da Liberdade Sexual é "absolutamente absurdo", polo que emprazou a Irene Montero a aclarar "por que se baixaron todos os mínimos das penas", algo que considera "inexplicábel e que non ten ningún sentido" ao momento de que se chega a "despenalizar algún tipo de delito, por máis escandaloso que poida resultar". "Evidentemente non hai tribunais machistas neste país nin hai interpretacións nesgadas, senón simplemente unha mala lei", concluíu Agustín Martínez.