O avogado que denunciou un ataque fascista no despacho, en folga de fame após ser detido

A policía prendeu Gustavo García seis días despois de que dera parte do acontecido no seu despacho. Atribuíanlle roubos en dous vehículos. Outros seis días despois volveron detelo, desta volta como responsábel dunha suplantación de personalidade.


O avogado vigués Gustavo García, que denunciou un ataque fascista no seu despacho, atópase en folga de fame desde as 14h desta terza feira, 26 de novembro. Segundo comunicou el propio, non inxerirá ningún alimento nin bebidas "até que non me deixen en liberdade ou me expliquen esta inadmisíbel detención". O letrado mostrou desta maneira a súa "completa insubmisión" a calquera prescripción médico-farmacolóxica que se lle faga. Só tomará auga.

Gustavo García interpuxo o 3 de novembro unha denuncia porque o seu despacho aparecera completamente desmantelado, cheo de pintadas fascistas e con excrementos esparxidos polo chan. Seis días despois, cando ía apañar un avión, prendérono no aeroporto ao lle atribuír roubos no interior de dous vehículos. García achegou documentación que, segundo o seu testemuño, probarían que non estaba implicado neses delitos. Ficou en liberdade.

Outros seis días despois a policía volveu detelo e a titular da sala de instrución nº4 de Vigo decretou o seu internamento nun centro médico, onde fica desde aquela. Tal e como recolle a imprensa local, unha enfermeira auxiliar do hospital Xeral recoñeceu Gustavo García polas fotos dos medios de comunicación após o ataque ao seu despacho e denunciouno como autor dun delito de suplantación de personalidade por se facer pasar por médico no andar de xinecoloxía. O avogado solicitou o habeas corpus --posta inmediata a disposición xudicial perante unha detención arbitraria-- nos dous arrestos e foille denegado.