Avistan crías de píllara das dunas, especie ameazada, en praias de Ferrolterra

Cría de píllara das dunas (Imaxe: Grupo Naturalista Hábitat).
Esta ave conta cun plan de conservación na Galiza aprobado en 2014

A Consellería de Medio Ambiente advertiu do avistamento de varias crías de píllara das dunas nalgúns areais da comarca de Ferrolterra durante esta pasada fin de semana.

Segundo precisou nun comunicado, esta escena repetirase ao longo das próximas semanas porque "as primeiras crías de píllara están a romper os seus ovos", aínda que a maioría dos niños aínda están a ser incubados por píllara adulta.

Esta especie (Charadrius alexandrinus) é moi vulnerábel, porque "pon os ovos directamente na area", polo que están sempre no chan ata que aprenden a voar. A súa presenza é moi común nas praias galegas, pero para conservalas hai que extremar o coidado nas dunas.

De feito, esta ave conta cun plan de conservación na Galiza aprobado en 2014 e o seu interese fixo que fose elixida como ave do ano por Birdlife.

A pesar de que as zonas nas que se atopan están sinalizadas, son moi difíciles de ver polas súas cores. Por este motivo, requiren especial atención e protéxense con peches para asegurar que as zonas de niños non son destruídas pola acción do ser humano.

Nun momento de crise sanitaria no que xa é posíbel o acceso á praia na Galiza, Medio Ambiente quixo destacar a importancia de "manter a distancia coas zonas de cría e cos bordos de zonas de dunas", así como a obrigación de atar aos cans e outros animais domésticos naqueles areais onde estean permitidos.

Así mesmo, o emprego de maquinaria, arrastre de materiais ou outras actividades non deben facerse nestes espazos, moito menos no período reprodutivo.