Mar

Avistada na ría de Arousa unha especie de quenlla de tres metros nunca antes localizada na Galiza

O exemplar de quenlla solraio avistado na Arousa. (Foto: Europa Press)
O animal, propio de augas tropicais, morreu varado na praia.

Unha femia adulta de quenlla solraio (Odontaspis ferox), unha especie nunca vista até o de agora na Galiza, foi localizada na pasada xornada na ría de Arousa.

Desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) informaron esta quinta feira de que o exemplar, de case tres metros e medio de lonxitude, foi capturado accidentalmente por un pesqueiro e liberado, pero posteriormente penetrou na ría e, pola tarde, morreu varado en Vilanova de Arousa.

Este tipo de quenlla, segundo trasladou Cemma, vive en augas de todo o mundo, pero normalmente en zonas tropicais ou de augas mornas. É frecuente no Mediterráneo e nas illas Canarias.

A oceanógrafa do Cemma Uxía Vázquez, en declaracións á TVG, apuntou que a presenza deste animal pode deberse ao "quecemento das augas".

"Hai animais que empezan a chegar porque poden vivir nestas augas que antes eran máis frías, ou pode ser por algún erro na súa migración, ou polas borrascas que poden achegalos á costa", precisou.

A zona máis ao norte na que fora avistado un até o de agora no Estado español é no Golfo de Biscaia, polo que desde Cemma subliñaron que se trata dun "achado único" na Galiza.

O exemplar de femia é adulto e non se puido facer nada por salvalo unha vez que baixou a marea e quedou varado, segundo trasladou Cemma. Esta sexta feira, persoas expertas encargáronse de realizar a necropsia.