Aviso laranxa en toda a costa por un temporal

Forte ondada en Santa María de Oia. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A Xunta activa o protocolo especial por perigo de inundacións no río Lérez.

Todo o litoral galego ficará esta segunda feira en aviso laranxa ante o risco por fenómenos costeiros que orixina un temporal que tamén manterá en alerta determinados puntos da costa galega, por mor das fortes precipitacións que se agardan.

En xeral, a próxima semana caracterizarase polo paso de sucesivas borrascas e sistemas frontais atlánticos asociados que provocarán un descenso acusado das temperaturas e darán lugar a episodios de choivas, fortes refachos de vento e mal estado do mar entre esta segunda feira e a cuarta, segundo Aemet.

Así, esta segunda feira unha fronte atlántica moi activa percorrerá a Península Ibérica de oeste a leste e chegará ao final do día a Balears, deixando ao seu paso ceos nubrados ou cubertos, con choivas e chuvascos ocasionalmente acompañados de tormenta. As precipitacións serán máis abundantes e con certa persistencia na Galiza, o litoral cantábrico e Pirineo occidental.

Os fenómenos costeiros, aliás, tamén porán en risco laranxa a Mariña e mais as Rías Altas e Baixas, ficando estas dúas últimas tamén en risco amarelo por choivas.

Na Galiza e a área cantábrica é probábel que a ondada de mar combinada alcance, durante esta segunda e terza feira, os cinco ou seis metros, aumentando na tarde desta segunda e a mañá da terza a seis ou sete metros.

Alerta no río Lérez

Por outra parte, a Xunta decretou á primeira hora desta xornada a activación do protocolo especial por perigo de inundacións debido á crecida do caudal do río Lérez, en Pontevedra. O Plan Especial ante o risco de Inundacións na Galiza permanece activo desde as 8.30 horas desta segunda feira pola previsión de posíbeis desbordamentos na conca do río.

Ao longo de toda a xornada a previsión é que continúen as intensas precipitacións que se rexistraron xa nos últimos días nesta zona. A crecida do caudal podería ocasionar desbordamentos no río pontevedrés, polo que o 112 Galiza lembra os consellos básicos ante risco de inundacións: evitar as marxes dos ríos, retirar os vehículos estacionados e non atravesar pontes ou torrentes. Ademais, tamén sinala que en caso de inundación dunha vivenda débese acceder á parte máis alta do inmóbel para protexerse.