Aviso laranxa por frío e fortes ventos

Ventos fortes na praia de Pantín, Valdoviño (Foto: Elisa Piñón / Europa Press)
A borrasca Filomena moveuse cara ao Mediterráneo mais segue o frío. O récord marcouno o concello de Baltar con 12,4 graos baixo cero.

A borrasca Filomena moveuse cara ao Mediterráneo polo que, segundo informa o Servizo Meteorolóxico Galego, a Galiza quedará fóra do seu radio de acción.

Poderase ver algunha folerpa esta tarde en puntos do norte e leste, pero pouca cantidade. Este sábado, 9 de xaneiro, destacou a importante baixada en puntos en que en días anteriores non houbo tanta xeada como, Ourense con -4.2 graos e Monforte con -7,5. O récord teno o concello de Baltar, con -12.4 graos.

O sueste da Galiza continuará este sábado en aviso laranxa por frío, con temperaturas por baixo de 8 graos negativos.

Ademais, sumarase a esta situación a costa da Coruña, onde o aviso laranxa será por ventos de forza 8. Así mesmo, boa parte da Galiza estará en aviso amarelo por frío.

En canto aos avisos por temporal costeiro, todo o litoral galego está este sábado en nivel amarelo por ventos de forza 7 que soprarán desde o nordeste para partir do mediodía. Con todo, o aviso será de nivel laranxa, con ventos de forza 8, a partir das 18,00 da tarde na Costa da Morte e no litoral norte da Coruña.

Tamén en zonas de interior, concretamente nas montañas de Lugo e Ourense, haberá aviso amarelo por ventos de máis de 80 quilómetros por hora.