A avespiña chinesa aínda non pode coa castaña galega

[Imaxe: cedida] Vista dun niño de avespiña chinesa
Galiza recolle arredor de 20 millóns de quilos de castañas ao ano. É a principal produtora e exportadora do Estado, cun volume de negocio superior aos 70 millóns de euros. Hai cinco anos que as familias colleiteiras mais a industria sectorial preservan o seu oficio sen perder de vista o impacto do Dryocosmus kuriphilus, a avespa chinesa do castiñeiro, unha praga asentada en todo o territorio que debilita as árbores e limita o seu rendemento. Eis un estrato da peza publicada no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza. 

Desde hai un lustro a produción de castaña na Galiza comezou a verse afectada pola chegada dun insecto asiático que dana as árbores e mingua o froito, unha ameaza da que as produtoras xa estaban sobre aviso e que aínda así conseguiu sorprendelas. “Sabiamos como se comportaba porque xa o pasaran outros veciños europeos. Ao primeiro eran unhas poucas bugallas, pero axiña o crecemento foi exponencial. Estas avespas son hermafroditas e aínda que os individuos adultos viven uns poucos días, son capaces de poñer até 200 ovos diarios”.

Fran Barredo, xerente de Castañas Barredo, no Barco de Valdeorras, lembra que comezaron a traballar na defensa desta praga antes de que chegase ao país. E malia que trataron de “poñer a venda antes da ferida” non foi posíbel frear a colonización. O gran potencial reprodutor desta especie, unido á gran masa de castiñeiro que hai na Galiza, derivou nunha afectación rápida e completa en pouco máis de tres anos.

“A avespa chinesa do castiñeiro veu para quedarse”, asegura Jesús Quintá, presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) da Castaña. “Coa masa de castiñeiros que temos, centenarios e espallados por todo o territorio, vai ser imposíbel erradicala. Ao Xapón chegou nos anos 60 e séguena tendo. Tamén en Francia e en Italia. Hai que afacerse a ela e combatela para reducir ao mínimo o dano que lles fai ás árbores”.

O sector xa non produce castaña sen reparar nos estragos da avespiña. De feito foi o primeiro en exercer presión para que o Ministerio de Agricultura aprobase a solta urxente e controlada do seu depredador natural, outro insecto, chinés, que detecta as larvas de avespiña e pon alí os seus ovos para alimentarse delas. Segundo Quintá, “somos o territorio que máis rápido e con máis medios comezou a loita biolóxica, e no prazo de dous ou tres anos esperamos ver os primeiros resultados”.

Menos castaña e de calidade irregular

A falta de ver o control que o parasito Torymus sinensis é capaz de exercer sobre a avespiña, a produción comeza a resentirse. “O ano pasado a calidade foi moi boa pero recollemos un 30% menos de froito”, sinala o presidente da IXP. Este ano, o verán fixo confiar as produtoras nunha campaña proveitosa.

“O verán foi bo. As árbores chegaron fortes grazas ás temperaturas suaves de xullo e agosto e da auga que caeu neses meses. Vense moitos ourizos nos castiñeiros e iso fainos ser optimistas”. Pero as sensacións de Fran Barredo nas comarcas de Valdeorras contrasta coas primeiras impresións de Jesús Quintá tras ver as castañas de cedo que chegan aos canais de comercialización. 

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]