A aventura por salvar o Carballo de Santa Margarida

Dende que o pasado 31 de xullo unha póla seca de 200 quilos caera do Carballo de Santa Margarida, as alarmas soaron fortemente na parroquia pontevedresa de Mourente. A árbore, símbolo da zona e cun incalculábel valor ambiental, precisaba de axuda urxente. Unha axuda que leva anos pedíndose entre veciños e comuneiros, pero a propia burocracia era incapaz de poñer de acordo a todas as administracións á hora de comezar e unificar os traballos. Sobre a árbore inflúen até catro entes: Concello de Pontevedra, Diputación Provincial, Xunta de Galicia e Igrexa, a través do Arzobispado de Santiago

 

O Concello de Pontevedra, após se producir o último accidente en relación co Carballo, pediu unha autorización expresa á Consellaría de Medio Ambiente para poder levar a cabos os traballos de poda, os tratamentos fito sanitarios e os labores de suxeición das pólas da árbore de Santa Margarida. Actuacións urxentes recomendadas polos expertos da Estación Fitopatoloxíca do Areeiro da Deputación Provincial que fixeron unha avaliación do estado do carballo a petición da Concellaría de Medio Natural.

 

A Xunta asumiu as palabras dos expertos: existe un perigo inmediato para a integridade da árbore, incluído no Catálogo de árbores senlleiras, polo que a seguridade das persoas e dos viandantes tamén periga. O Concello puido intervir finalmente na súa salvación a pasada segunda feira 21 de agosto.

 

O pai Sarmiento menciónao nos seus escritos xa no século XVIII, mentres que Manuel Murguía ou Filgueira Valverde tamén deixan constancia da súa beleza

 

O carballo de Santa Margarida loce dúas caras. O seu lado norte, intacto e completamente enverdecido, contrastando co seu lado sur, máis castigado polos anos, incendios (como os acontecidos en 1901 e 1962) e actos vandálicos; mostra una leña partida e seca. O carballo é puro patrimonio social e cultural do lugar, e álzase maxestoso fronte á igrexa de Santa Margarita da que toma o nome. Centenares de anos, uns 500 segundo os últimos estudos, dormen nas súas pólas. Moitos artistas e escritores galegos constátano na súa obra. O pai Sarmiento menciónao nos seus escritos xa no século XVIII, mentres que Manuel Murguía ou Filgueira Valverde tamén deixan constancia da súa beleza. En 1883, Francisco Zagala tomou a primeira fotografía do carballo da que se ten memoria. Así o recolleu Carlos Rodríguez Dacal, na obra O Carballo de Santa María. O libro é unha extensa e completísima biografía da árbore. O seu pasado, o seu presente e o seu simbolismo na cultura popular.

 

Os traballos que se realizaron no centenario carballo son os seguintes: colocar suxeicións nas ramas principais que máis carga presentan, principalmente a rama de grandes dimensións que dá cara á vía principal de acceso, e que xa presenta unha fenda en toda a súa lonxitude; darlle un tratamento con insecticida biolóxico que recibiu no pasado e aplicar un tratamento a base de fungos.

 

O concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña, explicou nunha comparecencia a importancia da árbore, e como concello e deputación actuarán man a man para combater os insectos, facer as podas precisas e suxeitar as ramas, e ademais, agardan contar co beneplácito da Xunta e da Igrexa para seguir co mantemento ano a ano.

 

Pola súa banda, a deputada Eva Villaverde subliñou que “o fundamental é facer un traballo conxunto para salvar o carballo” e neste traballo a Estación Fitopatolóxica do Areeiro ten un papel básico.

 

En outubro do ano pasado, o Concello de Pontevedra fixo público o proxecto municipal para mellorar o ámbito da capela de Santa Margarida e do centenario carballo que preside o atrio. Tras reunións coa veciñanza de Mourente e un encontro coa comunidade de montes da parroquia, a proposta, de até 200.000 euros, buscaba actuar sobre o entorno da capela para retirar o asfaltado e substituílo por un pavimento diferenciado, ademais dun calmado do tráfico na vía cercana e converter o lugar nun espazo público e adaptado para festas e actos veciñais.