Mobilidade

Unha avaría provoca case unha hora de atraso nun tren rexional Vigo-A Coruña

Estación de tren de Vilagarcía. (Foto: Europa Press)
O ferrocarril detívose en Vilagarcía por mor dunha avaría nunha porta.

Unha avaría na porta dun tren rexional procedente de Vigo e con destino A Coruña, na parada de Vilagarcía de Arousa, ocasionou, na mañá desta cuarta feira, case unha hora de atraso no seu traxecto, pero sen ocasionar atrasos noutros servizos. Así, o tren que debería de saír de Vilagarcía ás 10.04 horas chegou con 20 minutos de atraso e ás 10.50h aínda permanecía na plataforma cos pasaxeiros no seu interior.

Con todo, segundo confirmaron fontes de Renfe consultadas pola axencia Europa Press, o dano non causou afeccións nos demais trens da liña. A interventora notificou ás persoas viaxeiras que a parada se debera a unha avaría nunha das portas que non deixou que o tren arrincase.

O atraso comezou a xerar malestar entre os viaxeiros, algúns deles desprazándose a Santiago ou A Coruña para asistir a unhas aulas ás que xa non chegarían, e outros que se dirixían a traballar. O tren saíu finalmente de Vilagarcía minutos antes das 11 horas, cando debería chegar á capital galega ás 10.49 horas.