Unha avaría no tren que une Santiago e Madrid provoca un atraso de até catro horas

Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
Contra as 21 horas deuse a alerta após detectarse fume procedente do último vagón.

Unha avaría rexistrada nun tren Alvia que unía Santiago e Madrid na tarde noite deste domingo provocou un atraso de 4 horas na chegada do convoi, aínda que non se rexistraron feridos. Segundo informaron fontes do 112 e de Renfe, o tren saíu de Santiago de Compostela ás 19.25 horas e contra as 21h deuse a alerta, após detectarse fume procedente do último vagón.

O convoi detívose na estación de Taboadela (comarca de Ourense) e procedeuse, por precaución, ao desaloxo de todo a pasaxe, que foi trasladado en bus á estación de Ourense para que continuase a súa viaxe.

O 112 mobilizou os bombeiros do polígono de San Cibrao e ao GES de Pereiro de Aguiar, pero non chegou a producirse incendio e ninguén resultou ferido. A orixe do incidente sería unha avaría, posibelmente nun convertidor, segundo apuntaron os servizos de Emerxencias.

Renfe explicou que esta avaría provocou que un atraso de 240 minutos nese servizo de tren, e que outros 5 trens de longo percorrido tamén se viron afectados debido aos traballos para controlar o fume e a retirada do vehículo afectado. Na mañá desta segunda feira o tráfico ferroviario está a operar con normalidade.