Unha avaría impediu á TVG emitir ao vivo durante varias horas

A  cadea sinalou dunha avaría no control central da televisión mentres desde En Marea achacouse ao controvertido proceso de dixitalización, o que nega a dirección. É o maior corte na emisión en toda a historia da televisión galega.

Unha avaría técnica nun control impediu á TVG emitir ao vivo desde as 7:30 da mañá até pasadas as 13:00 horas. Nese tramo a cadea veuse obrigada a poñer contidos ‘enlatados’ (gravados). Fontes do persoal confirmaron a Sermos Galiza que nas instalación da TVG houbo “un forte cheiro a queimado”  e falan de que a orixe da avaría pode estar “en que queimou a placa dunha matriz”.

 

Desde En Marea afirmaron que os "problemas técnicos"  proceden do proceso de dixitalización e supoñen o maior corte na emisión en toda a historia da televisión galega. "Antes das 7:30 horas da mañá, a emisión da TVG foi a negro e tardou uns 15 minutos e cando regresou o sinal, volveu con programas gravados e cunha banda de desculpa na que se anunciaba que a programación habitual regresaría en canto se solventasen os problemas técnicos". Porén, desde a dirección afirman que "esta matriz non é un equipo novo, xa que logo a incidencia non está relacionada co proceso de dixitalización que está a vivir a CRTVG e está absolutamente desbotado que calquera clase de problemática laboral interna teña que ver no acontecido. Tamén afirman que a perda de emisión durou 14 segundos.

 

Por mor da avaría a TVG xa no puido emitir esta mañá o informativo ''Bos Días''. O equipo técnico acondicionou o estudio 5 -que se usa habitualmente para formatos de gran tamaño- para garantir a emisión dos servizos informativos “Galicia Noticias”  e “Telexornal  Mediodía”.

 

Polémica dixitalización

 

O proceso de dixitalización da CRTVG foi albo de críticas durante estes anos tanto de sindicatos, cadro de persoal como forzas da oposición.  A dixitalización  implementouse, por fin, o pasado 2 de outubro. Máis dun ano despois do calendario previsto e con case un millón de euros de sobrecusto, segundo denunciou hai uns días a deputada socialista Noela Blanco. “900.000 euros de sobrecuste sobre os 15 millóns previstos, incluíndo 75.000 euros en sillas con dúas partidas orzamentarias distintas para o mesmo obxectivo”, denunciaba a parlamentar.

 

A socialista criticou que a directiva actual tivese paralizado a dixitalización iniciada durante o goberno de coligazón entre socialistas e nacionalistas, “freando o proceso durante 6 anos ata que foi a última televisión autonómica do Estado en dixitalizarse”. Criticou que agardaran “ata que non viron que eramos os últimos de Filipinas e diante das dificultades de repoñer equipos técnicos e material, tratábase de implementalo ou pechar”. Seis anos despois, proseguiu, retomaron o proceso de dixitalización logo de “despedir os profesionais” que se estaban facendo cargo, “anulando o acordo coas 3 universidades galegas para desenvolver o sistema e adxudicándolle a Telefónica o novo software pechado, alugado, obrigando a pagar aparte as modificacións e cambios”.