Análise

Os avances feministas baixo o foco da reacción

O 25 de novembro mobilizou miles de persoas na Galiza contra a violencia de xénero e a violencia sexual (Foto: Arxina).
A doutora en Ciencias Sociais, politóloga e experta en migracións internacionais, Luca Chao analiza para 'Nós Diario' os avances feministas baixo o foco da reacción 

Hai pouco máis de tres meses escribía dos avances que supoñía a aprobación da Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, un paso adiante nas liberdades e dereitos sexuais das mulleres acorde co ditado do Convenio de Istambul.

Tres meses despois, esta lei volve ocupar portadas de reputados xornais e minutos de debate televisivo nos que centos de "denominados" expertos xuristas, nun ataque de punitivismo irresponsable (populismo, do perigoso), sementan alarma social pola presunta saída masiva de violadores dos cárceres. Todo iso ao tempo que se pon, unha vez máis, a ministra Irene Montero na picota. 

— O poder xudicial nin é omnipotente nin infalible, sinalar os seus defectos é unha esixencia democrática

Unha advertencia previa, nin son unha experta xurista nin o que sigue é unha profunda análise sobre técnica xurídica, senón un intento de clarificar algúns dos extremos do debate.

1.— A lei non abre a porta á revisión automática das penas. Fronte ás 15 revisións á baixa que coñecemos, unicamente na Audiencia Provincial de Logroño, denegáronse 54 revisións. É dicir, de acordo coa propia xudicatura, a revisión das penas é unha cuestión xuridicamente interpretable. Nese senso, o decreto da Fiscalía, emitido o pasado luns á calor do malestar xerado, rexeita rebaixar penas a violadores se estas seguen vixentes na nova lei. Porén, isto non quere dicir que non haxa algunha sentenza que se poida rebaixar en virtude do principio de retroactividade da norma penal máis favorable. É dicir, cada caso requirirá unha revisión individualizada atendendo a todos os seus detalles.  
2.— O obxectivo da lei nunca foi aumentar a carga penal, senón protexer as mulleres. Participar da alarma suscitada implica asumir un punto de vista penalista segundo o cal as maiores condenas levan aparellada unha redución dos delitos. Unha posición que nin está avalada cientificamente nin foi nunca a posición maioritaria do feminismo. 
O que se pedía non eran condenas máis longas, en España xa se tiñan algunhas das condenas de prisión máis amplas dos Estados da nosa contorna, senón poñer medidas en educación, prevención e eliminar a diferenza entre abuso e agresión para que todos os actos sexuais cometidos sen consentimento fosen considerados agresións.

Así, o foco xa non está nas mulleres agredidas e a súa potencial resistencia, senón no desexo ou non. A equiparación destes delitos levou aparellada que a pena mínima para a agresión se reducira (equiparándose coa anterior pena mínima para o abuso), de tal xeito que se poda garantir a necesaria proporcionalidade das mesmas. Ao tempo, incorporáronse agravantes que, na lexislación previa, non eran considerados (por exemplo, a submisión química).

3.— O poder xudicial nin é omnipotente nin infalible. Sinalar os seus defectos é unha esixencia democrática. Ata o de agora a formación en xénero da xudicatura, ao igual que a de tantos outros corpos do Estado era practicamente inexistente e, por suposto, totalmente voluntaria.

Esta situación tratou de reverterse coa modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial en decembro do 2018, que trataba de aplicar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero neste ámbito impoñendo a realización dun curso para quen quixera especializarse. Segundo datos de marzo deste mesmo ano, o curso fora realizado por 1.370 xuíces e xuízas das máis de 5.000 que hai. Tratándose, ademais, dun curso de dous meses, online, e de 50 horas de carga lectiva.

4.— O lexislativo e o executivo, tampouco. Iso non quita que os desmesurados ataques que o Ministerio de Igualdade e nomeadamente a ministra Irene Montero recibiron dende o primeiro momento deixen ver comportamentos e actitudes absolutamente machistas, toda vez que se cuestiona, unha e outra vez, a capacidade dunha muller, nova, rodeada dun equipo de mulleres, novas, para redactar leis e gobernar.  

5.— Os datos de violacións e agresións sexuais son arrepiantes, e van en aumento. O primeiro informe global sobre violencia sexual en España realizado a petición do Ministerio do Interior por un grupo de investigadores da Universidade de Barcelona, concluía que ao longo dun ano se producen 400.000 incidentes de violencia sexual, dos cales 100.000 poderían identificarse como abusos sexuais infantís (a menores de 16 anos).

Así, a taxa base da violencia sexual sería dun 2,34%, mentres que só se rexistran 13.000 denuncias ao ano por violencia sexual e 3.500 condenados a prisión. É dicir, só 5 de cada 100 agresores sexuais son condenados polos seus actos. En Galicia, de acordo cos datos do Ministerio de Interior, o pasado ano denunciáronse 707 delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual. Mais disto, curiosamente, os editoriais preocupáronse moi pouco.