O Debate

É un avance o uso dos termos 'proxenitor xestante' e 'non xestante'?

O debate aberto a raíz da opción "proxenitor xestante/non xestante" opta por incluír os diferentes modelos de familia existentes actualmente (Foto: Nós Diario).
Principia en 'Nós Diario' unha cita semanal co debate. Todos os sábados abordarase un tema actualidade, obxecto de debate e mesmo de discrepancia na sociedade; desde dúas perspectivas diferentes. Unha achega para un mellor coñecemento do tema albo de debate e fornecer tamén así contido para o coñecemento e o diálogo.  

Escolla errónea
Neal Baxter, profesor na Universidade de Vigo

As sociedades evolucionan grazas á loita de sectores desprovistos de poder para conquistaren os seus dereitos, como acontece coas loitas obreira, feminista, LGB, etc., e agora as persoas trans coa aprobación da nova lei. Desde unha perspectiva progresista, como espello en que se ven reflectidas as normas e os valores sociais predominantes, os usos lingüísticos tamén deben mudar non só en sintonía coa evolución social, mais tamén como parte integral do proceso conducente a difundir, promover e normalizar estes avanzos.

Así, defendo sen complexos o conceito do ‘politicamente correcto’, fronte á terxiversación da dereita reaccionaria para deslexitimalo e desactivar o seu potencial revolucionario. No entanto, débese velar sempre por que calquera cambio terminolóxico se sopesar coidadosamente, sobretodo aqueles que atinxen a vida real das persoas.

É unha escolla errónea no caso dos miles de adoptadas

Neste sentido, se ben partillo a vontade de visibilizar as persoas trans que motiva a utilización do termo ‘persoa proxenitora’, coido que se trata dunha escolla desafortunada e mesmo errónea no caso concreto dos milleiros de persoas adoptadas, cuxa realidade fica silenciada desde tempos inmemoriais.

Até ben pouco, como persoa adoptada, nen sequera sabería dicir como se chamaban o meu proxenitor e a miña proxenitora, e de pequeno me incomodaría ter que preencher un formulario redixido nestes termos. De maior, resúltame case ofensivo.

Poderíase argumentar que non se trata de substituír os termos tradicionais ‘mai’ e pai’, cun sentido non exclusivamente de filiación biolóxica (quen dá a vida a e/ou quen cría), senón de ampliar o leque de alternativas. Mais o problema radica en que a fórmula que preconiza a lei consolida unha práctica que se vén impondo no papelame administrativo desde hai algún tempo onde si funciona como substituto mecánico.

Se ben é certo que o propio texto fala de “persoas proxenitoras ou representantes legais”, isto borra de facto a opción de ‘mai’ ou ‘pai’, obrigando as persoas adoptantes (que non son as e os proxenitores) a se identificaren como simples “representantes legais”, que -aínda que non de xeito explícito- parece como unha opción secundaria, de menor rango.

Até ben pouco, como persoa adoptada, nen sequera sabería dicir como se chamaban o meu proxenitor

Non se trata de reivindicar desde un identitarismo cada vez máis fragmentario que as infinitas realidades persoais de cada individuo se vexan plasmadas na xiria administrativa, pois sería unha tarefa imposíbel. O que si se pide é que se reflexione algo máis e que se consulte máis amplamente antes de efectuar mudanzas terminolóxicas  deste calado –por ben intencionadas que foren– conscientes das consecuencias lesivas que poden acarrear e co fin de evitar varrer implicitamente as vivencias dalgunhas persoas en beneficio doutras. 

Sen ánimo de polemizar nen moito menos de ofender, senón de chegar a unha solución máis ponderada e equitativa, neste caso existía unha opción moito máis sinxela, inclusiva e obxectivamente precisa.

Por norma, non son partidario da utilización das estratexias que avoga pola denominada ‘neutralización’, por exemplo ‘o persoal de enfermaría’ e ‘o persoal médico’ en vez de ‘@s enfermeir@s’ e ‘@s médic@s’, ‘as/os enfermeiras/os’, etc. Pois, mesmo sendo a priori ‘inclusiva’, ao non perturbar visualmente os usos lingüísticos habituais, esta vía non serve para pór ao descuberto as connotacións patriarcais latentes que seguen a agacharse detrás da súa aparente neutralidade, reforzando así o statu quo.

Noutras palabras, estamos condicionadas para o interpretarmos inconscientemente como ‘médicos’ (masculino) e ‘enfermeiras’ (feminino). Perniciosamente, isto converte os preconceitos nun inimigo oculto e, por tanto, máis difícil de combater. E dito sexa de paso que non resulta insignificante que o texto mantén o pseudomasculino ‘fillo’ e non ‘fillo ou filla’ ou mesmo ‘proxenitura’...

Porén, neste caso concreto, acho que o máis correcto sería ‘representante legal’ sen máis, termo que engloba todas as realidades por igual e que corresponde exactamente á información requirida.


Proxenitores xestantes
Daniella Ferrández, historiadora e activista trans

Un dos aspectos máis debatidos da nova Lei trans é a modificación do Código Civil para incluír o termo "proxenitor (non) xestante", que se engade -e non substitúe- os característicos nai e pai. A medida, que ten un sentido estritamente xurídico e en ningún caso social, está pensada para unha cuestión moi concreta que até hoxe mantiña aberta unha evidente discriminación entre as persoas LGBTI e o resto. Refírome á filiación da descendencia nas parellas non casadas que optan pola reprodución asistida, dispoñible de novo en 2021 na Seguridade Social para mulleres lesbianas, homes trans e nais solteiras, tras ser eliminado polo Partido Popular en 2014. Para estas parellas, e até a entrada en vigor da lei o pasado dous de marzo, só a persoa que xestaba se podía inscribir como nai da crianza, obrigando a outra nai -que non por non parir é menos nai-, a un arduo proceso de adopción tras o parto.

Se a persoa grávida era, ademais, un home trans, non tiña mais remedio que facer esa inscrición sinalando de igual xeito a caixa de nai. Nestes casos concretos e a partir de agora, estas parellas poderán recorrer á opción de "proxenitor xestante" e "proxenitor non xestante" evitando así os trámites de adopción posteriores aos que se tiñan que someter só por non ser hetero.  

O debate non está en se agora toDas as nais van ser 'proxenitoras xestantes' e os pais 'non xestantes'

O debate non está, polo tanto, en se agora todas as nais van ser "proxenitoras xestantes" e todos os pais "non xestantes", como dicía Alberto Núñez Feixoo, senón se como sociedade aceptamos que se abran portas para persoas que até hoxe estaban pechadas, ou non. As novas posibilidades non limitan nin borran as antigas, como tratan de facernos crer as ideoloxías reaccionarias cada vez que as realidades subalternas acadan un novo dereito.

Non pasou co matrimonio igualitario e non pasará coa autodeterminación de xénero, como amosan exemplos como o arxentino (2012) ou o portugués (2018). Non pasará tampouco co termo de proxenitores xestantes, que ficará no ámbito xurídico sen afectar ao desempeño da vida social.  

A situación actual de confusión ao redor dos puntos da lei bebe moito deses discursos reaccionarios, pero non só. E é que para restar apoio social a estes dereitos e gañar simpatizantes á súa causa, construíron un outro deshumanizado co que referirse aos colectivos promotores destas mudanzas lexislativas, creando confusión na opinión pública.

O punto en cuestión serve para mellorar a situación dunha minoría de persoas e non afecta o resto

O "activismo queer" aparece así nos discursos como un todo incorruptible, un lobby destinado a loitar por intereses nefandos que atentan contra o noso modelo de sociedade. Véndesenos que cada termo empregado ou cada reivindicación na axenda está destinada a impoñerse por norma -tamén- á "xente de ben" eliminando as vellas categorías.

Pero lonxe diso, tanto a lei no seu conxunto como o punto en cuestión só serven para mellorar a situación dunha minoría de persoas, e non van afectar en ningún sentido as vidas de todas aquelas que non fagan parte do colectivo, sexan nais, pais, proxenitores xestantes, ou non.