Ensino

As avaliacións diagnósticas para alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato serán o 10 e 11 de abril

Un estudante durante un exame da ABAU de 2023 en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Os resultados terán un carácter "informativo, formativo e orientador" para os centros.

As probas de avaliación diagnóstica para o alumnado de 4º de ESO e de 2º de Bacharelato decorrerán os días 10 e 11 de abril, cuarta e quinta feira, xusto despois das vacacións de Semana Santa. Esta sexta, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publica a resolución que recolle as instrucións para a realización destas probas, cuxa organización está marcada pola lei de educación en vigor.

As avaliacións, de carácter censual, terán lugar en todos os centros educativos que impartan os últimos cursos de ESO e Bacharelato, subliña nun comunicado a Consellaría de Educación. En concreto, as e os alumnos someteranse a avaliacións de competencias en matemáticas, lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura e lingua estranxeira —alemán, inglés ou portugués, en función da escolla de cada centro—.

As probas desenvolveranse a través de cadernos para cada unha das competencias con exercicios sobre "os obxectivos de área e de materia recollidos nos currículos destas materias para cada un dos cursos".

As correccións correrán a conta de profesorado do propio centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado, salienta a Consellaría, que incide en que os resultados "terán un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada".