Auxiliares técnicas de alumnado consideran “irresponsábel” que as deriven a residencias

Cualifican de “temerario” que a Xunta recorra a persoal auxiliar de centros de ensino para coidar das persoas maiores e enfermas
A asociación ASATE de auxiliares técnicos de alumando da Galiza cualifica de “actuación temeraria” que a Xunta estea a derivar este persoal a residencias para traballar con persoas maiores, ao non ter ningunha formación nin experiencia na atención á terceira idade e ao descoñecer os protocolos e as medidas de protección que se deben tomar. 
 

Estase a derivar persoal auxiliar técnico educativo de alumnado con necesidades específicas a traballar en residencias de maiores, “obviando” que estas profesionais “non teñen ningún tipo de experiencia nin titulación específica” para desenvolver o o seu labor nesas institucións e coan persoas da terceira idade, denuncian desde a Asociación de auxiliares técnicas educativas de alumnado con necesidades educativas especiais de Galicia (ASATE).

A asociación critica que a Consellaría de Educación puxera a disposición da de Política Social este colectivo profesional para desempeñar funcións que non coñece.

“Descoñecemos por completo as características e o funcionamento deste tipo de centros, así como os protocolos básicos e o manexo de equipos de protección”, sinalan. Consideran que se nunha situación de normalidade “xa non sería admisíbel esta mobilización do persoal para traballar en residencias debido ao risco que implicaría, sobre todo para as persoas maiores que son atendidas, na situación crítica causada pola pandemia do coronavirus “supón unha actuación temeraria e irresponsábel”.

Cualifican de “lamentábel” que se recorra a persoal non cualificado para coidar das persoas maiores e enfermas, enviando a auxiliares técnicos educativos “precipitadamente aos focos de maior risco da pandemia onde calquera erro motivado por esta falla de coñecementos e de formación axeitada podería ter consecuencias nefastas, pois este colectivo non ten formación específica en coidados de enfermaría nin en atención a persoas dependentes en institucións sociais, como si posúen outros colectivos profesionais aos que a Xunta da Galiza non parece que teña interese en contratar”, sinala ASATE no seu comunicado.

Desde a asociación demandan que se fagan públicas as listas de contratación que se elaboraron de forma excepcional por mor do coronavirus e os criterios que se seguiron para confeccionalas. “Todo o persoal susceptíbel de ser chamado para incorporarse a postos distintos do propio e dunha Consellaría allea, debe estar informado do lugar que ocupa nesa listaxe, polo que non é comprensíbel o escurantismo co que se está a realizar esta xestión”, sinalan.