Auxilian unha persoa de avanzada idade tirada na beiravía da estrada LU-861, cun golpe na cabeza e con perdas de memoria

Estrada LU-861, ao seu paso por Xermade. (Foto: Google Maps)
A Garda Civil atopou o ferido cun forte golpe na cabeza con sangrado.

A Garda Civil auxiliou esta quinta feira en Xermade (Terra Chá) unha persoa de avanzada idade que se atopaba tirada na beiravía da estrada e que presentaba un forte golpe na cabeza con sangrado. Ademais, sufría perda de memoria e non sabía nin quen era nin onde se atopaba.

Ocorreu na estrada LU-861, ao seu paso polo citado concello, contra as 14 horas da tarde desta quinta, segundo informa a Garda Civil. Esta persoa, que sangraba pola cabeza, non era capaz de incorporarse no momento no que a atoparon.

Á espera de que chegasen os servizos sanitarios para atendelo, os axentes permaneceron co ferido e improvisaron unha almofada cunha chaqueta para evitar que tentase incorporarse e que se agravasen as posíbeis lesións que podía presentar.

Mentres era trasladado ao centro de saúde, a Garda Civil procedeu a estacionar correctamente o vehículo da persoa. As súas chaves e mais o teléfono móbil deriváronse ao posto de Vilalba para que algún familiar ou o propio ferido puidesen recollelos.