Sanitarios advirten sobre os autotests de anticorpos: "Non son un salvoconduto para o Nadal"

A distribución asegura un ou dous tests por farmacia para garantir a equidade e o servizo en todos os despachos (Foto: Arxina).
As farmacias xa venden os tests de autodiagnóstico de anticorpos da Covid-19

Os primeiros tests de autodiagnóstico da Covid-19 xa están dispoñíbeis nas farmacias galegas. Comezaron a venderse esta mesma semana e son as primeiras probas accesíbeis para comprobar na casa se se tivo ou non contacto previo co coronavirus.

Os tests de anticorpos son unha técnica rápida, barata e pouco agresiva que permite saber se unha persoa pasou a enfermidade, pero non indican necesariamente unha infección activa. Detectan anticorpos, polo tanto, non serven para confirmar un contaxio activo como fan as PCR ou os tests de antíxenos.

Grandes expectativas

"Son días de moitas preguntas", explica a Nós Diario María José García, presidenta da Federación de Farmacias da Galiza. "A xente está moi interesada neste tipo de probas rápidas e, de feito, hai despachos que traballan con listas de espera, mais ao requirir receita médica non sabemos aínda se poderemos satisfacer a demanda que hai de tests de anticorpos".

Pode ter sentido no marco dos cribados poboacionais  para saber canta xente estivo en contacto co virus, mais para o diagnóstico dunha enfermidade activa non lle vexo utilidade

Nina Villasuso é farmacéutica en Mugardos e membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña. "De momento non recibín ningunha prescrición mais estou desexando ver a primeira para saber como xustifica a comunidade médica a conveniencia destas probas", que, entende, vai depender do criterio facultativo. 

O autotest de anticorpos ten un prezo de 25,50 euros e "non se vende a petición das pacientes". Ademais, incide, "eu tampouco lle vexo moita utilidade a nivel individual dentro do status da pandemia. Pode ter sentido no marco dos cribados poboacionais auspiciados polas administracións para saber canta xente estivo en contacto co virus, mais para o diagnóstico dunha enfermidade activa, creo que é un paso innecesario", advirte.

Concorda con ela Francisco Fernández, médico internista na área sanitaria de Vigo. "Os anticorpos nunca van detectar unha infección aguda recente porque tardan varios días en aparecer tras o contacto co virus. Polo tanto, unha persoa pode estar infectada e obter un resultado negativo, dándolle unha sensación de falsa seguridade". Ou "pode darse un resultado positivo, que habería que confirmar mediante PCR, porque non vai ser sempre verdadeiro", engade Villasuso. 

Cautela

Mentres non haxa vacina a farmacéutica avoga por garantir medidas de hixiene, distancia e máscara. "O que hai que descartar é que isto sexa un salvoconduto para as reunións familiares" de cara ao Nadal, "porque non ofrece ningunha seguridade". 

Esta técnica pode ser cómoda pero non é fácil de interpretar

Nina Villasuso rexeita calquera debate arredor do interese das farmacias por vender este tipo de probas. "Ninguén nos preguntou, pero sen dúbida é a vía para dispensar este tipo de produtos sanitarios, baixo supervisión. Desde aquí sabemos a quen se lle dá e en que condicións", porque realizar esta proba tampouco é tan doado como se di. "Hai que asegurar que non se estrague o proceso e que o resultado chegue a quen ten que chegar".

Cada proba ten a súa utilidade e o seu contexto. "Esta técnica pode ser cómoda pero non é fácil de interpretar", recalca Fernández, quen recomenda tomar os resultados "sempre con cautela".