DENUNCIA DA CIG

CIG-Ensino sostén que a autorización dos centros plurilingües se usa en detrimento do ensino en galego

O 18% dos centros plurilingües que se autorizan para este curso, todos eles privados agás un público, escollen como materia para impartir en lingua estranxeira unha materia de obrigada impartición en galego.

A raíz da publicación da orde da relación de centros plurilingües para o curso 2015/2016 a CIG-Ensino volve denunciar o que ela propia lembra que xa ten criticado en reiteradas ocasións: que o Decreto 79 para o Plurilingüismo “foi ideado coa perversa intención de reducir a presenza dgalego”.

A central nacionalista sostén que este Decreto é “un subterfuxio para reducir a xa cativa presenza do noso idioma nas aulas”. Nin sequera se cumpren os mínimos recollidos no Decreto, afirma a CIG. “A Consellaría, lonxe de procurar mecanismos que axuden a inverter a situación, aplica o Decreto aínda máis restritivamente do que o propio Decreto estabelece”.

"O Decreto 79 reduce a presenza da nosa lingua a un terzo do horario a través da imposición do inglés, “nunha falaz artimaña que en ningún caso redunda nunha mellor aprendizaxe da lingua estranxeira"

O sindicato aponta que o Decreto 79 reduce a presenza da nosa lingua a un terzo do horario a través da imposición do inglés, “nunha falaz artimaña que en ningún caso redunda nunha mellor aprendizaxe da lingua estranxeira, pois non se aplica a ferramenta fundamental para a súa adquisición que é a redución de alumnado por aula. Pois ben, non contentos con esta situación, a Consellaría autoriza que a materia impartida en lingua estranxeira sexa unha das materias de obrigada impartición en galego”.

Nesta tesitura, CIG sinala que comprobou que o 18% dos centros plurilingües que se autorizan para este curso, todos eles privados agás un público, escollen como materia para impartir en lingua estranxeira unha materia de obrigada impartición en galego.