As autoridades retiraron de media 47 niños de velutina cada día deste ano

Unha vespa velutina xunto a unhas flores. (Foto: Europa Press)

A presenza desta especie no país continúa a ser moi elevada. No que vai de ano retiráronse case 13.000 niños en 285 concellos.

O coronavirus nada ten que ver coa vespa velutina ou, en todo caso, quizais incluso veulle ven o confinamento das galegas e galegos porque a presencia desta especie segue a ser moi elevada. As autoridades tiveron que acudir a retirar 13.000 niños no que vai de ano.

Esta cifra, fornecida hoxe pola Xunta, implica practicamente a retirada dunha media de 47 niños cada xornada, se ben é claro que houbo días de moito máis traballo que outros. Pero a estatística fai referencia a 285 concellos do país, non a todos, polo que a afección pode ser moito máis notábel.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, falou do Plan de loita contra a vespa velutina no que traballan a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e explicou que desde a súa estrea en xaneiro, operarios do Seaga tiveron que acudir a eliminar 13.000 niños.

Neste plan para acabar coa velutina no país participan 285 municipios, o 90% dos que existen na Galiza. No entanto, son as comarcas do norte as que máis padecen esta ameaza, que incluso chega a afectar a algúns negocios. No entorno da Coruña retiráronse 6.500 do total de niños.

Por contra, no interior as cifras foron moito menores. Prieto explicou que a maioría dos elementos que constrúen para vivir estas vespas se eliminaron “nun prazo de menos de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesíbeis”.

O Teléfono de Atención á Cidadanía 012 rexistrou 23.730 avisos.

A respecto das diferenzas nos números, a representante da Xunta aclarou que como resposta a algunhas chamadas non procedía actuación. Outras aínda están pendentes de determinadas medidas.