Xustiza

Remata o xuízo contra o autor confeso do triplo crime de Valga, que se enfronta a prisión permanente revisábel

José Luís Abet, conducido na mañá desta segunda feira aos xulgados para declarar no xuízo. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O xurado popular, encargado de emitir o veredicto, comezará a deliberar esta terza feira tras escoitar todas as partes. José Luís Abet, o acusado, pediu perdón ás familias e aos seus propios fillos nesta última xornada do xuízo.

José Luís Abet, autor confeso do triplo crime de Valga (comarca de Caldas), empregou a súa última palabra no remate do xuízo para pedir perdón ás familias das vítimas e aos seus fillos, que contemplaron como o seu pai mataba a tiros á súa nai ás portas da vivenda. Após acollerse ao seu dereito a non declarar durante a primeira xornada da vista oral, decorrida a porta fechada desde o pasado 6 de marzo na Audiencia Provincial de Pontevedra, Abet tomou a palabra para, por primeira vez, desculparse polos tres crimes cometidos o 16 de setembro de 2019.

Co perdón do único procesado pola morte da súa ex muller, ex cuñada e ex sogra concluíu o xuízo oral desenvolvido durante os últimos oito días na Audiencia pontevedresa, que se estendeu máis do previsto logo de que a presidencia do tribunal aprazase a esta segunda feira a quenda de alegacións finais tras incorporar a defensa de Abet unha novidade, a petición de atenuante analóxica de confesión tardía.

Deste modo, Fiscalía, defensa e partes acudidas no caso —acusación particular, en representación da familia, e Fundación Amigos de Galicia, como acusación particular— expuxeron na mañá desta segunda feira os seus informes finais. Segundo as fontes consultadas pola axencia Europa Press, tanto o Ministerio Público como as acusacións reiteraron a súa petición de que Abet sexa condenado a prisión permanente revisábel e coincidiron en que a forma na que procedeu o autor confeso do triplo crime non ampara a aplicación da atenuante solicitada pola súa defensa.

Unha vez concluída a vista xudicial é a quenda da deliberación do xurado popular, encargado de determinar a culpabiliade de Abet. Antes, as partes están chamadas a acudir á Audiencia de Pontevedra á primeira hora desta terza feira para acordar o obxecto do veredicto sobre o que deberán decidir os membros do xurado.

O xuízo oral contra José Luís Abet arrincou a pasada segunda feira a porta fechada por petición da familia das vítimas como medida de protección cara aos fillos do acusado, que tiñan 4 e 7 anos, respectivamente, cando viron o seu pai asasinar a nai a tiros. Ao longo da pasada semana, na Audiencia de Pontevedra prestaron declaración 21 testemuñas e 17 garda civís, así como técnicos periciais das áreas de psicoloxía, medicina forense, balística ou expertos do departamento de Química da Garda Civil.

Tamén estaba chamado a declarar o fillo maior de vítima e acusado, algo finalmente descartado en aras de preservar a súa intimidade. No seu lugar, reproduciuse na sala a gravación da declaración que prestou sobre o ocorrido.

Abet abordou a vítima diante do garaxe

Segundo recolle o escrito de Fiscalía, os feitos sucederon pouco antes das 8 horas do 16 de setembro de 2019, cando o home se dirixiu a casa da súa ex muller sabendo que a esa hora ela abandonaba a vivenda en coche en compaña dos seus dous fillos en común. Canda el levaba unha arma corta co número de identificación borrado.

Para sorprendela e "evitar que fuxise", o acusado colocou o seu vehículo diante da porta do garaxe e esperou de pé a que abrise para despois situarse á altura do portelo do condutor e dispararlle na cabeza coa arma, que levaba oculta nas costas. Tras o primeiro disparo na cara, tiroteouna dúas veces máis no pescozo e outra no peito, mentres os seus fillos estaban nos asentos traseiros.

Cando abandonaba o lugar do crime no seu vehículo, o acusado cruzouse cun coche no que se dirixían cara á vivenda a nai e a irmá da vítima, que foran alertadas pola veciñanza e por unha chamada da propia muller. "Nese momento, o investigado decide tamén acabar coa vida de ambas, razón pola que mudou o sentido da marcha e perseguiunas até chegar á casa", prosegue o escrito.

Unha vez alí, o procesado disparou en catro ocasións contra a nai da súa ex muller e en tres contra a súa irmá, acabando coas súas vidas no acto. Estes asasinatos tamén foron presenciados polos dous fillos do home, aos que dixo que agardasen no lugar até que chegase a Garda Civil.

Prisión permanente revisábel

O escrito fiscal apunta que o acusado "carecía de calquera tipo de permiso" de armas no momento dos crimes, e que "quixo expresamente que os seus fillos menores de idade presenciasen como mataba á ex muller", co "consecuente sufrimento que supuña para eles", xa que elixiu o momento no que ambos os dous abandonaban a vivenda para ir ao colexio.

Por estes feitos, tanto fiscalía como as acusacións piden para el a aplicación da prisión permanente revisábel, así como que non poida achegarse ou residir no termo municipal de Valga durante un período de 35 anos. Aliás, o Ministerio Público reclama indemnizar o marido e pai das vítimas con 475.000 euros, e con 341.000 a cada un dos fillos do asasino. Tamén reclama 235.000 euros de indemnización para a nai e avoa das falecidas, 110.000 euros para o mozo da muller asasinada e 70.000 euros para cada un dos seu catro irmáns.