A autocita para a vacina inicia esta semana para maiores de 50 e Erasmus

Unha persoa recibe a vacina en Ourense hai dúas semanas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A autocita por internet para a vacina da Covid-19 comezará a funcionar esta semana, destinada nunha primeira fase a menores de 30 que sexan estudantes Erasmus (poderán pedir a cita desde o próximo 5 de xullo) e maiores de 50 que aínda non foron inmunizados (poderán empregar autocita desde o 7 de xullo).

O novo sistema de autocita por internet para a vacinación fronte á Covid-19 comezará a funcionar a partir desta semana, como complemento do sistema tradicional de citación via SMS, que está a utilizar desde o comezo da campaña a Xunta da Galiza priorizando os grupos de idade.

Segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia este sábado 3 de xullo, o novo sistema de autocita está destinado, de entrada, para os grupos de persoas maiores de 50 anos e para estudantes da Galiza de Erasmus. Posteriormente, en función das vacinas dispoñíbeis, irase abrindo a outros grupos poboacionais, e, posteriormente, á poboación xeral.

Por tanto, o grupo que forma parte da denominada campaña de vacinación activa, que son o colectivo de 30 a 39 (primeiras doses) e 40 a 49 (segundas doses), seguirán a ser convocados por SMS, quedando o novo sistema de autocita para a grupo superior da campaña activa (máis de 50) e a inferior, de momento, os menores de 30 que sexan estudantes Erasmus.

Para a campaña de vacinación activa irá destinada 95% das doses, e o resto das vacinas, 5%, irá para os grupos por riba e por baixo da mesma, que son os que poderán facer uso deste novo sistema complementario de autocita.

Segundo explicou o conselleiro, os listados de estudantes Erasmus, que ascende a un total de 2.000 mozos e mozas, xa foi facilitado polas tres universidades galegas á Consellaría de Sanidade. Así, esta segunda feira, comezarán as probas, coordinadas coas universidades, e empezará a citación.

O sistema que entra agora en funcionamento para pedir autocita, ofrece 8.000 ocos no mes de xullo para que se vacinen estes dous colectivos.

Como se solicita a autocita?

A cita para a vacinación por medio deste novo sistema pódese solicitar desde un ordenador no enderezo: cita.sergas.gal, ou no portal de saúde do Sergas esaude.sergas.gal. Tamén se pode solicitar desde un teléfono a través da APP Sergas móbil.

O acceso estará habilitado para toda a cidadanía, con tarxeta sanitaria do Sergas e cidadáns sen tarxeta sanitaria, pero, de entrada, para maiores de 50 e menores de 30 (de momento só Erasmus).

O modo de identificarse será de dous tipos. Un con seguridade básica, é dicir co número de tarxeta sanitaria ou do Documento de Identidade ou Pasaporte; e outra maneira é con seguridade alta, con certificado dixital e Chave365.

Para a selección da data, ofrecerase un calendario cos días dispoñíbeis para poder vacinarse. Ao seleccionar un día, indicaráselle á persoa usuaria se ten ocos dispoñíbeis ou non, e, tamén, o rango de horas en que se atopan estes ocos, tendo a posibilidade de seleccionar unha hora aproximada de atención. Unha vez rexistrada, o aplicativo amosa os datos co nome do cidadán, así como a data, hora e lugar da vacinación.

Esta data escollida para a vacinación por parte do usuario quedará reflectida para ser consultada nos dispositivos electrónicos, como unha cita máis das que ten pendente o cidadán.